— O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu á presentación do informe GEM 2023-2024, elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e o Goberno galego
— O documento reflicte que un 45% da poboación emprendedora ten entre 35 e 44 anos e que case un 50% orienta a súa actividade a empresas de servizos ao consumidor
— Ademais recolle unha análise pormenorizada sobre o emprendemento no rural coa finalidade de potenciar a creación de negocios vencellados ao territorio a prol da xeración de oportunidades
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu hoxe á presentación do informe GEM 2023-2024 que reflicte que o 2023 foi un ano moi positivo para a actividade emprendedora en Galicia e a vocación emprendedora da xente nova.
Nesta liña, o documento que elabora a Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e a Xunta, mostra unha melloría na percepción de oportunidades para emprender, que un 45% da poboación emprendedora ten entre 35 e 44 anos e que case un 50% orienta a súa actividade a empresas de servizos ao consumidor.
Ademais, reflicte que a Taxa de Actividade Emprendedora (TEA) na comunidade galega subiu ata un 6,3% fronte ao 5,4% do ano anterior e que a valoración dos expertos entrevistados sobre o ecosistema emprendedor na comunidade, de 4,5 puntos, é superior á da media nacional, de 3,8 puntos. Tamén destaca que un 27% da poboación entrevistada albisca oportunidades para emprender na comunidade galega.
En canto á fórmula xurídica das iniciativas, a máis empregada para desenvolver a actividade é a de autónomos -un 66%-, o 23% elixiu Sociedade Limitada e un 4% empresas de economía social. Neste sentido, o Goberno galego destaca a importancia do colectivo de autónomos para a economía de Galicia, unha cuestión que se reflicte no comercio de proximidade que a Xunta potenciará co Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que está a elaborar cos axentes implicados para telo listo no primeiro trimestre do ano próximo.
Emprendemento no rural
A maiores, esta última edición do iforme GEM recolle unha análise pormenorizada sobre o emprendemento no rural coa finalidade de potenciar a creación de negocios vencellados ao territorio a prol da xeración de oportunidades no rural.
Esta é unha das apostas do Goberno galego que se manifesta na Estratexia Galicia Rexión Emprendedora Europea 2025 para impulsar o emprendemento no rural e a colaboración cos axentes públicos e privados e na que Galicia avanza con medidas como a Rede de polos de emprendemento coa que se está a promover a modalidade dos colivings no rural para atraer traballadores de alta cualificación -nómades dixitais-.

