A Xunta destaca os avances na proposta do goberno galego para captar novas rutas a través da promoción turística en orixe coa incorporación das deputacións provinciais da Coruña e Pontevedra

Redacción
  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes lembrou a proposta da Xunta, que supón sumar ao modelo de negocio un apoio institucional de 100.000 euros para promoción turística por cada nova ruta confirmada e cun máximo de dúas por aeroporto e ano
  • O Goberno galego confía en que outras administracións decidan tamén sumarse para contar cunha proposta conxunta e coordinada

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, avanzou hoxe que confía en contar con novas incorporacións á proposta da Xunta para captar novas rutas aéreas a través da promoción turística en orixe, tras sumarse as deputacións provinciais da Coruña e Pontevedra. Así o asegurou durante a terceira reunión do Grupo de Traballo de Conectividade Aérea de Galicia na que participou xunto ao director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela.

No anterior encontro a Xunta xa aclarara que o Goberno galego non ía financiar voos, senón que colaboraría sumándose ao modelo proposto por AENA para a captación de novas rutas a través da promoción turística en orixe. Por iso, ademais de presentar nas últimas semanas a súa proposta aos sectores empresarial e turístico de Santiago, A Coruña e Vigo e ás deputacións provinciais, a Administración autonómica solicitara precisamente a reunión de hoxe para seguir avanzando e que o resto de administracións realizasen as súas achegas. Por iso, tras a inclusión das deputacións da Coruña e Pontevedra considera que foi unha reunión “produtiva” e agarda que este “traballo constante” comece a dar os seus froitos e se poida contar cunha proposta coordinada e conxunta que ata agora non existía coa que poder acadar rutas rendibles no tempo.

Cómpre lembrar que a Xunta, aínda non tendo competencias en materia aeroportuaria, respondeu á petición de colaboración institucional e, seguindo o modelo proposto por AENA, trasladou que colaborará aportando 100.000 euros para promoción turística en orixe por nova ruta confirmada, cun máximo de dúas por aeroporto ao ano. A Administración autonómica continúa así na liña na que xa vén traballando desde hai anos na promoción en orixe, cun investimento anual de 13 millóns de euros. Deste xeito, aos casos de negocio propostos por AENA e ás contías que decida mobilizar sumaríase un apoio institucional da Xunta, que conta tamén coas deputacións da Coruña e Pontevedra.

Cómpre lembrar que a proposta da Xunta establece que o Goberno galego pode realizar esta promoción directamente e tamén abre a posibilidade de asinar convenios cos concellos para que sexan estes os que leven a cabo esas actuacións, sempre e cando se destinen a promoción en orixe.

Comparte este artigo