- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes reúnese con representantes da Unión Profesional de Galicia, que lle presentaron a nova edición da ‘Guía de Peritos Xudiciais e Mediadores de Galicia’
- O manual aglutina 2.000 peritos xudiciais e 250 mediadores que poñen os seus coñecementos técnicos á disposición dos órganos xudiciais
- Diego Calvo salienta o labor dos colexios profesionais no asesoramento á Administración de Xustiza
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, recibiu hoxe xunto co director xeral de Xustiza, José Tronchoni, ao presidente da Unión de Profesionais de Galicia José María Suárez Quintanilla, e representantes da xunta directiva da entidade, que lle fixeron entrega da nova edición da Guía de Peritos Xudiciais e Mediadores de Galicia.
A guía, elaborada pola en colaboración co Goberno galego, seguirá a ser un instrumento útil ao que poden recorrer xulgados e tribunais galegos cando precisen auxilio pericial e que permitirá axilizar o seu traballo. Publicouse por primeira vez e de xeito pioneiro en 2011, e reúne de xeito organizado peritos de diversas especialidades e mediadores á disposición da xustiza.
O manual conta con 2.000 peritos xudiciais e 250 mediadores. Trátase dun directorio profesional que recompila datos de colexiados ou asociados dispostos a prestar servizo en Galicia e que poñen os seus coñecementos técnicos ao servizo dos órganos xudiciais cando sexa necesario realizar estudos que lle encomenden as autoridades xudiciais nas materias que precisen dos seu auxilio. Con esta guía preténdese asistir aos xulgados, institucións e cidadanía na resolución de conflitos xudiciais ou extraxudiciais, proporcionando unha lista actualizada de expertos cualificados en áreas como a xurídica, técnica, sanitaria ou a económica.
A Xunta destaca o labor dos colexios profesionais pola súa participación na produción lexislativa a través de informes técnicos e periciais e ditames sobre a normativa que lles afecte. Así, recoñece o labor de auxilio xudicial que estes colectivos están a prestar aos xulgados e considera imprescindible contar co seu asesoramento porque os asuntos cada vez máis complexos que chegan aos tribunais requiren de coñecementos científicos, técnicos e prácticos para que o xuíz poida facer una correcta valoración das circunstancias que se presenten. Por ese motivo, é preciso contar con profesionais obxectivos e expertos coñecedores das materias á hora de tomar decisións.
A Unión Profesional de Galicia inclúe entre os seus fins o impulso á mediación e, por iso, a guía inclúe aos mediadores profesionais de Galicia que están dados de alta no Rexistro de Mediadores e Institucións de Mediación do Ministerio de Xustiza.
Nesta liña, o Goberno galego tamén promove a participación da cidadanía no sistema de xustiza co obxectivo de buscar solucións pactadas que garantan a paz social e a convivencia e apoia a mediación a través de acordos con colectivos de profesionais da avogacía e da procuradoría e outras medidas, cun orzamento que o ano pasado sumou 125.000 euros.
A Xunta considera que a Unión de Profesionais de Galicia é unha voz cualificada na relación cos colexios galegos, xa que agrupa a máis de 44 colexios profesionais de ámbito autonómico dunha trintena de profesións, polo que é unha voz cualificada para a Xunta na relación cos colexios galegos.

