HomeXunta de GaliciaA Xunta destaca que Galicia consolida as cifras históricas de retorno con...

A Xunta destaca que Galicia consolida as cifras históricas de retorno con preto de 8.500 galegos e galegas que regresaron en 2024 á súa terra de orixe

- Anuncio -spot_img
  • Segundo a Estatística de Migracións e Cambios de Residencia de 2024, publicada hoxe, Galicia experimentou un saldo migratorio positivo de 30.325 persoas (27.730 procedentes do estranxeiro), das que preto de 8.500 son galegos da diáspora
  • Dos retornados o ano pasado, o 85% teñen menos de 65 anos e o 57%, menos de 45; dentro dun balance que sinala que, dende o inicio da Estratexia Galicia Retorna, en 2018, xa foron máis de 45.000 galegos e galegas os que voltaron
  • González destacou que estes datos evidencian a eficacia das políticas de retorno da Xunta e o plan de captación de talento, con medidas como o programa Merlo, e que complementa a liña de apoios económicos aos emprendedores retornados
  • Neste senso, remarcou que mañá se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) a ampliación da orde deste ano en 300.000 euros adicionais, atendendo á elevada demanda rexistrada, con 170 solicitudes presentadas en 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou esta mañá nun encontro con beneficiarios do Programa Merlo, unha iniciativa da Xunta realizada en colaboración coa Fundación Ronsel que ofrece mentoría e acompañamento aos galegos retornados na creación e consolidación das súas propias empresas en Galicia.

Alí o conselleiro puxo en valor a eficacia das políticas de retorno impulsadas pola Xunta a través da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 e destacou as cifras históricas que se reflicten nos datos da Estatística de Migracións e Cambios de residencia de 2024, publicada hoxe polo INE. Consolidando un novo fito anual, preto de 8.500 galegos e galegas decidiron voltar o pasado ano a Galicia desde os seus respectivos países de residencia, elixindo a súa terra de orixe para asentarse de novo. Deles, o 85 % teñen menos de 65 anos, e o 57 %, menos de 45. Así, desde o inicio da primeira Estratexia, en 2018, xa foron máis de 45.000 galegos os que voltaron.

O conselleiro tamén sinalou que a nosa Comunidade segue a ser unha terra de atracción de talento, experimentando un saldo migratorio positivo de 30.325 persoas en 2024 fronte ás 25.738 do ano 2023, o que supón un incremento de máis de 4.500 persoas. Este saldo favorable inclúe tanto o movemento migratorio con países estranxeiros, que sumou 27.730 persoas, como co resto das comunidades autónomas de España, con 2.595 persoas.

Axudas ao emprendemento retornado

No referido aos retornados que apostan polo emprendemento, González destacou o éxito do progrma Merlo, que xa vai pola súa cuarta edición e que este ano conectou o talento de preto de 90 galegos e galegas do exterior cunha rede de 30 mentores de distintas áreas, co obxectivo de apoiar os seus proxectos en ámbitos clave como dirección, comunicación e marketing, administración e finanzas, tecnoloxía e vendas. Esta mentoría complementa o Programa Retorno Emprendedor, que concede axudas económicas de ata 10.000 euros por beneficiario para fomentar o autoemprego e a actividade emprendedora por parte deste colectivo. Neste senso, remarcou que mañá se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) a ampliación da orde de 2025 en 300.000 euros adicionais, atendendo á elevada demanda, que este ano recibiu 170 solicitudes. O conselleiro indicou que a convocatoria se reforzará en 2026, cun orzamento inicial de 1,2 M€, para seguir apoiando proxectos cada vez máis diversificados e cualificados, vinculados a sectores emerxentes, á tecnoloxía, o turismo ou a economía verde, entre outros, e dinamizando a Galicia non urbana. Ata o momento, cun investimento total de arredor 7 millóns de euros, apoiáronse máis de 900 proxectos de galegos retornados procedentes de 40 países.

Plan de captación de talento

José González reafirmou que este apoio forma parte dunha política integral da Xunta para fomentar o emprendemento e tamén para atraer talento, tanto por conta allea como propia. Así, puxo en valor que a futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia contará cun eixo específico para o retorno, promovendo itinerarios integrais de apoio, formación e asesoramento, reforzando incentivos á creación de empresas e potenciando medidas como a Rede de polos, que xa atendeu nas 15 oficinas espalladas por Galicia máis de 5.200 proxectos, case un 6 % deles de retornados. Enmarcou estas actuacións no plan de captación de talento que desenvolve Galicia, un modelo que responde ás necesidades do tecido laboral artellado en dous eixos: un prioritario, dirixido aos galegos do exterior a través da Estratexia Galicia Retorna, e outro orientado á captación de profesionais de terceiros países. No primeiro eixo inclúense medidas como Retorna Cualifica Emprego, que xa facilitou o regreso de preto de 400 persoas cun contrato por conta allea, as axudas extraordinarias ao retorno ou as BEME, que permiten á mocidade do exterior cursar un mestrado nas universidades públicas. Esta semana o Consello autonómico aprobou a convocatoria de 2026 con 250 novas bolsas e a Xunta reclamou de novo ao Executivo unha vía áxil para o recoñecemento de titulacións.

Publicacións Relacionadas