A Xunta destina 1,2 M€ á contratación de máis de 40 axentes de emprego dinamizadores da inserción laboral das persoas con discapacidade ou en risco de exclusión

adminON
Lectura mínima de 4
  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de axudas para financiar a contratación deste persoal en entidades sen ánimo de lucro de cara a que poidan colaborar na implantación das políticas activas de emprego na nosa Comunidade
  • A Rede de Técnicos de Emprego de Galicia está formada na actualidade por máis de 250 axentes, máis de 200 deles persoal municipal aos que se suman 33 axentes e 9 unidades de apoio en 14 entidades sen ánimo de lucro
  • Estes profesionais ven ademais reforzado o seu traballo coas accións que se desenvolven dende os 15 Polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta de Galicia, repartidos polo territorio

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinada a que as entidades sen ánimo de lucro poidan contratar axentes de emprego. Cun orzamento de 1,2 millóns de euros, o obxectivo é apoialas na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial e coa inserción laboral especificamente de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión. A previsión é financiar en total uns 40 axentes neste tipo de asociacións. 

En concreto, as funcións principais destes axentes son colaborar de cara á creación de actividade empresarial, actuar como promotores desa actividade e servir de asesores puntuais de proxectos de empresa e como prospectores de mercado, contribuíndo á dinamización da economía local e á xeración de novas actividades no ámbito local e rural.

Con estas axudas, a Xunta potencia o papel da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia como motor do emprendemento e da creación de emprego co gallo de apoiar a constitución de pequenas e medianas empresas, contribuír á cobertura de vacantes laborais, así como favorecer un tecido empresarial máis estable, a diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido. Trátase así dunha figura especializada na promoción do emprego coa que se procura axudar ás empresas a desenvolver os seus proxectos no rural, realizando un importante labor que contribúe —ao tempo— a fixar poboación.

Actuacións da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia

Entre as actuacións desta Rede inclúense a promoción da igualdade de oportunidades e o acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais, asesorando e informando sobre a súa viabilidade técnica, económica e financeira e aplicando técnicas de consultoría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos adecuados, para contribuír á boa marcha das empresas creadas.

A Rede de Técnicos de Emprego de Galicia está formada na actualidade por máis de 250 axentes de emprego, dos cales máis de 200 son persoal municipal, ao que se suman 33 axentes e 9 unidades de apoio en 14 entidades sen ánimo de lucro. Estes profesionais ven ademais reforzado o seu traballo coas accións que se desenvolven dende os 15 Polos de empendemento e apoio ao emprego da Xunta de Galicia, repartidos polo territorio.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá e ata o 25 de setembro de 2025.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250825/AnuncioG0767-110825-0001_gl.html

Comparte este artigo