- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para 2026 desta orde coa que o Goberno galego pretende mellorar a modernización e competitividade do sector do taxi
- As subvencións concedidas son de ata 1.000 euros para os taxis de baixas emisións, 4.000 euros para vehículos de emisións cero e 10.000 euros para taxis adaptados
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de axudas ao sector do taxi para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida, vehículos de baixas ou cero emisións, cun investimento de 500.000 euros na convocatoria para 2026.
Deste total, 290.000 euros van dirixidos á liña para vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), 68.000 para taxi de CERO emisións (vehículos 100% eléctricos e híbridos enchufables) e 142.000 para taxi ECO (vehículos que combinan dous e máis combustibles e por tanto algún tipo de hibridación). A axuda por vehículo para taxi adaptado (Eurotaxi) será de 10.000 euros, para taxi de CERO emisións de 4.000 euros e para taxi ECO de 1.000 euros.
A medida vai destinada ás persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou os servizos de Mobilidade competentes. As solicitudes deberán presentarse de maneira telemática a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal). O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 09,00 horas do sétimo día hábil, contando desde mañá, e rematará o 14 de outubro de 2026 ás 20,00 horas.
No caso das liñas de taxi de CERO emisións e ECO, a orde axudas cubre a adquisición de vehículos novos realizada desde o 28 de abril do 2025 ata a data límite para xustificar a axuda. Para a liña Eurotaxi, subvenciónanse tanto os vehículos xa adquiridos en calquera momento, como os vehículos novos que se adquiran con posterioridade á presentación da solicitude. Para as tres liñas, a data máxima de xustificación é de catro meses desde a notificación da resolución de concesión, agás que esta sexa posterior ao 30 de xuño de 2026, xa que neste caso a data máxima de xustificación é o 30 de outubro de 2026.
As persoas beneficiarias adquiren o compromiso de manter a titularidade do vehículo e o seu destino á actividade do taxi ao menos cinco anos desde a súa adscrición á autorización. No caso dos Eurotaxis adquiridos en calquera momento e que xa estiveran adscritos a unha autorización, os cinco anos de compromiso son desde a data de presentación da solicitude.
Deste xeito, o Goberno galego consolida unha liña de apoio dirixida ao sector do taxi e orientada a mellorar a súa modernización e a súa competitividade. Ao mesmo tempo, contribúe a garantir a mobilidade sostible e a favorecer un transporte público accesible.
Desde a posta en marcha desta iniciativa en 2016, a Xunta concedeu máis de 1.500 axudas por máis de 6 millóns de euros. Máis de 350 axudas corresponden á adquisición de taxis adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), máis dun milleiro á liña ECO e máis de 80 para emisións cero. Cómpre aclarar que no período 2016-2020 as axudas foron destinadas só á compra de vehículos Eurotaxi e desde ese ano estendeuse ás outras dúas liñas. Na convocatoria deste exercicio, cuxo prazo de presentación de solicitudes rematou a mediados do pasado outubro, concedéronse 180 axudas: 31 para Eurotaxi, 134 para a liña ECO e 15 para emisións CERO.
O sector do taxi conta con case 3.500 autorizacións en Galicia e presta un servizo esencial adaptado ás necesidades de mobilidade da poboación no ámbito urbano como no rural, onde se rexistra unha maior demanda debido á dispersión e avellentamento da poboación.



