- O obxectivo desta convocatoria é potenciar as liñas estratéxicas de investigación destas entidades para achegalas ao mercado
- Os centros beneficiarios desta axuda son Aimen, Anfaco-Cytma, Cetaqua, CETGA, CETIM, CTAG, Energylab, Gradiant e ITG
- Esta liña plurianual enmárcase no paquete de axudas de 52M€ da Consellería de Ciencia en materia de colaboracións e valorización dos resultados
A Xunta de Galicia destina 6,2M€ para as anualidades 2025-2026 á consolidación e estruturación das unidades de investigación competitivas dos centros tecnolóxicos galegos. A convocatoria que vén de resolverse ten como obxectivo apoiar o labor de nove centros, potenciando as súas liñas de investigación e a transferencia do coñecemento ao tecido produtivo. Esta liña de axudas está enmarcada nun paquete de medidas de 52M€ para impulsar a I+G+i aprobado no primeiro cuatrimestre do ano no Consello da Xunta.
En concreto, os beneficiarios destas subvencións son: a Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (AIMEN), a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas e Produtos Transformados de Pescados e Mariscos – Centro Nacional de Coñecemento e Tecnoloxía para a Industria Mariña, Acuícola e Alimentaria (Anfaco-Cytma), o Centro Galego de Investigación da Auga (Cetaqua), o Clúster de Acuicultura de Galicia (CETGA), o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM), o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), o Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sustentabilidade Enerxética (Energylab), a Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG).
Con esta convocatoria, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP busca incentivar a transferencia de resultados de investigación e de capacidades tecnolóxicas dos centros ao mercado para acadar un verdadeiro impacto na competitividade das empresas galegas e mellorar, así, o benestar da cidadanía.
Para iso, con esta liña de axudas impúlsase a captación de talento, o apoio a consolidación de persoal investigador, o reforzo do papel tractor dos centros de coñecemento da I+D+i galega, potenciar a interacción entre os distintos axentes e a orientación da súa actividadecara o mercado.
45M€ en apoio estrutural aos centros tecnolóxicos
A través desta liña de axudas o Goberno galego leva apoiado aos centros tecnolóxicos con máis de 45M€, co fin de fortalecer a capacidade da I+D+i galega mellorando a achega dos resultados da investigación ao tecido produtivo, o que posibilita a consolidación destes centros e o potenciamento de liñas estratéxicas de investigación para promover a excelencia científico-técnica e a posta en valor do coñecemento. Deste xeito, estas actuacións apoiaron unha media de 75 postos de traballo cualificados anuais nos últimos 10 anos.
Enmarcadas no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, a folla de ruta a seguir para posicionar Galicia como referente nestes ámbitos, a Xunta de Galicia apoia aos centros tecnolóxicos con achegas para fortalecer as súas capacidades con investimentos en infraestruturas e equipamento, á que xa se destinaron 17,3M€ aos que se sumarán 9,75 M€ da convocatoria de 2025, pendente de resolver.
A Xunta de Galicia tamén ten posto en marcha outros programas de apoio dos que se están a beneficiar estes centros tecnolóxicos como son Unidades Mixtas de Investigación, Ignicia, Doutoramentos industriais, VInnovate, Nexos ou Misións.



