- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de 2025 destas achegas que se poderán solicitar desde o vindeiro 21 de maio ata o 30 de xuño de 2025
- Cun incremento de 200.000€ respecto da anterior convocatoria, esta orde inclúe como principal novidade o reforzo específico das iniciativas de emprendemento que recollan a testemuña dun negocio viable, evitando así o seu peche
- Ademais, simplifícanse os tramos subvencionables co fin de axilizar a xestión administrativa e adáptanse os investimentos, cun máximo de 60.000 euros, á realidade económica dos emprendedores galegos para maximizar o seu impacto
- Estas axudas, das que xa se beneficiaron 2.700 iniciativas, enmárcanse na aposta estratéxica a prol do emprendemento, eido ao que se destinan máis de 32M€ en 2025 e que se canaliza a través do labor da Rede de polos, que xa atendeu 4.000 proxectos
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de 2025 de axudas destinada para apoiar as novas iniciativas emprendedoras constituídas en Galicia desde 2023, co obxectivo de facilitar os seus primeiros pasos e dotada cun orzamento global de 6,7 millóns de euros. Neste sentido, as achegas poden acadar os 35.000 euros e con elas prevese apoiar arredor de 800 proxectos que se atopan na súa fase máis emerxente.
Poderán optar a estas axudas autónomos, mutualistas, pequenas e medianas empresas, cooperativas e sociedades laborais que se constituíran ou se deran de alta desde o 1 de xaneiro de 2023. Os interesados poderán solicitalas desde o vindeiro 21 de maio ata o 30 de xuño de 2025.
Cun incremento de 200.000€ respecto da anterior convocatoria, esta orde inclúe como principal novidade o reforzo específico da remuda xeracional que garanta a continuidade de negocios viables. Outras novidades son a simplificación dos tramos subvencionables, co fin de axilizar a xestión administrativa; e a adaptación estratéxica dos investimentos máximos á realidade económica dos autónomos e as pequenas e medianas empresas, principais protagonistas do tecido produtivo galego.
Ademais, mantéñense os conceptos subvencionables respecto das outras edicións, pero introdúcense melloras para reforzar o seu impacto entre o ecosistema emprendedor, reducindo os tramos de investimento subvencionables. Así, aqueles situados entre 5.000 e 20.000 euros contarán cunha axuda do 55 %; os comprendidos entre 20.001 e 30.000 euros recibirán o 50 %; e os que se atopen entre 30.001 e 60.000 euros obterán o 45 % de cobertura. Nos casos nos que o proxecto evite o peche dun negocio por falta de remuda xeracional, a intensidade da axuda incrementarase nun 10 % adicional, facilitando así que a persoa emprendedora poida recoller a testemuña dunha actividade xa viable economicamente.
No que respecta aos gastos computables, inclúese equipamento informático, mobiliario, eficiencia enerxética, reforma de locais, compra de activos pertencentes a establecementos existentes ou bens de equipo de segunda man, gastos notariais e de rexistro —ata un máximo de 330 euros— e alugueiro —que como novidade se incrementa dos 600 euros aos 1.500, 1.650 no caso de proxectos de remuda—. Así, e segundo o establecido na orde, as contías poderán ir dos 2.750 euros ata os 34.980 euros.
Impulso ao emprendemento
Desde o 2022 lévanse beneficiado desta liña de axudas 2.700 emprendedores e con ela o Goberno galego continúa avanzando no seu impulso estratéxico ao emprendemento vencellado ao territorio, un eido ao que se destinan máis de 32 millóns de euros en 2025 co obxectivo de favorecer a posta en marcha de negocios que xeren emprego, riqueza e contribúan á fixación de poboación e á dinamización territorial.
Neste senso, esta convocatoria complementa o labor de asesoramento gratuíto que se canaliza a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, unha iniciativa da Xunta que conta con 15 oficinas repartidas por toda Galicia, nas que se levan atendido case 4.000 proxectos. Deste xeito, as persoas emprendedoras que boten a andar unha actividade económica dispoñen dun apoio integral que combina orientación personalizada co acceso a financiamento, facilitando así que as súas ideas poidan converterse en iniciativas viables e sostibles. Ademais, súmanse outras achegas específicas como as contempladas na orde unificada de axudas para autónomos, dotada con máis de 40M€.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250513/AnuncioG0767-290425-0001_gl.html