Ángeles Vázquez sinala que o obxectivo destes traballos, cuxo remate está previsto para finais de ano, é mellorar a conservación deste espazo, reforzar a seguridade dos seus usuarios e poñer en valor o seu patrimonio natural, ambiental e turístico
Cambre (A Coruña), 2 de xullo de 2026.- A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta, a través de Augas de Galicia, vai financiar con máis de 870.000 euros varias actuacións de acondicionamento e mantemento da contorna do río Mero, ao seu paso polo Concello de Cambre.
Durante a visita que realizou ao paseo fluvial da localidade, a conselleira sinalou que o obxectivo destes traballos, cuxo remate está previsto para finais de ano, é mellorar a conservación deste espazo, reforzar a seguridade dos seus usuarios e poñer en valor o seu patrimonio natural, ambiental e turístico.
Nese senso, Ángeles Vázquez explicou que o 65% dese orzamento se destinará ao acondicionamento de cinco pasarelas, entre as que se inclúe a localizada na rúa Barcala que hoxe visitou. Nestas pasarelas acometeranse diversas actuacións como a limpeza con hidrolimpadora para eliminar os restos vexetais e de po adheridos á superficie, un lixado de todos os elementos que forman parte da estrutura destas instalacións e a substitución de elementos deteriorados.
O resto do financiamento destinarase a outras accións como a substitución e reparación da sinalización e cartelería existente, o desentullo e limpeza dos sistemas de drenaxe, o mantemento da vexetación e a substitución dos valados deteriorados.
Segundo indicou a conselleira, estas intervencións enmárcanse nas liñas de actuación da Estratexia para a posta en valor das contornas fluviais, que ten o obxectivo de recuperar, conservar e mellorar estes espazos. En concreto, con estas accións preténdese facilitar un acceso ordenado, seguro e sostible da cidadanía ás contornas dos ríos mediante a creación e mellora de sendeiros, zonas de descanso, a colocación de sinalización interpretativa, a instalación de mobiliario e a adecuación das infraestruturas.
Así mesmo, Ángeles Vázquez fixo fincapé no papel destas actuacións para fomentar o uso responsable destes espazos naturais como lugares de lecer, educación ambiental e benestar comunitario, así como para contribuír á súa conservación e á mellora da calidade paisaxística.

