HomeXunta de GaliciaA Xunta destina máis de 10 M€ á nova edición de axudas...

A Xunta destina máis de 10 M€ á nova edición de axudas para facilitar a persoas sen traballo a asistencia a cursos de formación orientados ao emprego

- Anuncio -spot_img
  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta convocatoria para o financiamento de gastos de desprazamento, manutención, aloxamento ou conciliación co gallo de apoiar a participación nas accións formativas impulsadas polo Goberno galego
  • Inclúe achegas para persoas con discapacidade, vítimas de violencia de xénero, con familiares ao seu cargo ou integrantes de familias numerosas ou monoparentais
  • A Xunta investiu desde 2019 máis de 51 M€ nesta medida que na última convocatoria pechada beneficiou máis de 21.000 persoas
  • Esta acción forma parte da aposta autonómica por potenciar a empregabilidade da cidadanía atendendo as necesidades e oportunidades do tecido produtivo, que se consolidará o ano que vén

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova convocatoria das axudas directas para facilitar a participación de persoas sen traballo nos cursos para o emprego que impulsa a Xunta, cun importe superior aos 10 millóns de euros. Estas bolsas e apoios inclúen financiamento para os gastos de desprazamento, manutención, aloxamento ou conciliación.

Dentro das persoas beneficiarias desta acción están os colectivos prioritarios nas políticas de emprego, entre eles, persoas con discapacidade, vítimas de violencia de xénero ou con familiares ao seu cargo, ademais de integrantes de familias numerosas ou monoparentais. Nesta actuación, a Xunta leva investido máis de 51 millóns de euros desde 2019 e na edición 2023/2024 —última pechada— beneficiou máis de 21.000 persoas.

As accións obxecto de apoio van desde os cursos dos centros propios da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e nas entidades e centros que imparten as accións formativas para desempregados impulsados pola Xunta ata a participación nas unidades formativas das empresas, un programa este último dotado no 2025 con 8 M€.

Deste xeito, a convocatoria busca potenciar a empregabilidade das persoas beneficiarias, mellorando a súa cualificación con formación adaptada ás demandas do tecido empresarial e ligada ao territorio, como —por exemplo— a través de microformacións.

Detalles da convocatoria

Aos posibles beneficiarios destas bolsas de formación, a Xunta outorgará achegas de 9 euros por día de clase ao alumnado con polo menos o 33% de discapacidade, así como a integrantes de familias numerosas ou de carácter monoparental. Estas axudas soben a 10 euros por día para as vítimas da violencia de xénero que tomen parte nas accións.

O Goberno galego apoia tamén a asistencia de persoas que teñan ao seu coidado fillas ou fillos, menores de 12 anos en acollida e/ou familiares con dependencia ata o segundo grao, ás que outorgará unha contía igual ao 75 % do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem) diario que estea vixente, para facilitar a súa conciliación.

Ademais, hai achegas para o transporte en vehículo propio (25€/día de contía máxima), o uso do transporte público urbano ou interurbano (1,5€/día); de manutención (12€/día) se a distancia do domicilio supera os 20 quilómetros; e para aloxamento e manutención de ata 80 euros por día tanto para domicilios que disten 100 quilómetros ou máis ou nos que se careza de servizo de transporte que permita o traslado a diario. 

As solicitudes deberán presentarse no prazo dun mes desde a incorporación á acción formativa ou desde que teña lugar o feito causante da axuda. Polo tanto, o período que abrangue o prazo de solicitudes para esta convocatoria será para as accións formativas que se inicien entre o 1 de novembro de 2025 e o 31 de outubro de 2026.

Pulo á empregabilidade

Esta acción forma parte da aposta da Xunta por potenciar a empregabilidade da cidadanía atendendo ás necesidades do tecido produtivo. Neste ámbito e, co fin de potenciar o talento interno, destaca o pulo á formación para o emprego flexible e á carta das empresas, que a Xunta está a axustar de xeito integral. Isto abarca tanto a nova filosofía das accións formativas para desempregados (60 M€ en 2026), como as unidades formativas en empresas con compromiso de contratación (8 M€) e as accións destinadas a ocupados, con varias liñas que superan en total os 15 millóns. Dentro desta aposta tamén se enmarca o futuro decreto de microcredenciais para o emprego, co que Galicia será a primeira comunidade en regulalas e no marco do que se impulsará un proxecto piloto de microcredenciais en competencias dixitais especializadas (5 M€).

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20251030/AnuncioG0767-171025-0002_gl.html

Publicacións Relacionadas