- O conselleiro de Educación e Ciencia, Román Rodríguez, participa no acto de benvida aos novos 14 profesionais que se incorporan este ano ao programa
- Sete estudantes proceden da USC, cinco da UVigo e dous da UDC e, de todos eles, 11 realizarán a súa tese en empresas e os tres restantes en centros tecnolóxicos
- As principais áreas de coñecemento nas que centrarán as súas investigacións son a bioloxía, a enxeñaría, a física, a informática ou a química
A Xunta de Galicia celebrou hoxe o acto de benvida á nova promoción do programa Doutoramentos Industriais, que chega a súa quinta edición cun total de 76 investigadores apoiados cun investimento de máis de 10 M€ desde o seu nacemento. “O obxectivo é que realicen a súa tese doutoral en empresas e centros tecnolóxicos galegos”, sinalou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante a clausura deste encontro.
Acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o titular de Ciencia afirmou que esta iniciativa é unha ferramenta “estratéxica para conectar o mundo académico co tecido produtivo e, así, achegar respostas a problemas reais, contribuíndo á competitividade e á modernización de Galicia”. Neste senso, afirmou que o programa “é capaz de captar talento, crear emprego e impulsar a transferencia de coñecemento desde as universidades, que en gran medida son o nexo entre a investigación e a innovación”.
O representante do Goberno galego destacou tamén o talento científico dos investigadores predoutorais e agradeceu a colaboración das empresas, os centros tecnolóxicos e as universidades por facer posible Doutoramentos Industriais, un dos emblemas da aposta decidida da Xunta pola I+G+i como parte da Galicia Calidade.
2,6 M€ nesta quinta convocatoria
O conselleiro coñeceu aos 14 investigadores desta promoción e aos seus titores, así como aos representantes das empresas e os centros tecnolóxicos que os contratan para a realización dos seus proxectos ata 2029. Concretamente, 11 doutorandos levarán a cabo a tese en empresas e outros tres en centros tecnolóxicos. Dos participantes, sete estudantes son da Universidade de Santiago de Compostela (USC), cinco da Universidade de Vigo (UVigo) e dous da Universidade da Coruña (UDC). Ao longo do tempo, levan xa colaborado con esta iniciativa un total de 61 empresas e 15 centros tecnolóxicos do conxunto da nosa Comunidade, sendo 43 alumnos da USC, 20 de UVigo e 13 da UDC.
Nesta quinta convocatoria, a Xunta inviste máis de 2,6 M€, o que eleva a dotación total a 10,10 M€ desde o 2021. Bioloxía, enxeñaría, física, informática e química son as áreas de coñecemento nas que se concentran as teses doutorais desta edición.
Os doutorandos desta promoción e os lugares nos que están realizando a tese son:
| Persoa doutoranda | Universidade | Entidade beneficiaria | Concello da entidade |
| Daniel Arias Ferreiro | USC | MD. Use Innovations | Santiago de Compostela |
| Gabriel Otero Moreira | USC | Libera BIo | Santiago de Compostela |
| Alejandra García Calvo | USC | Nanogap Sub-nm-powder | Ames |
| Patricia Hermida Sestayo | USC | Bflow | Santiago de Compostela |
| Marta Pereira Ferrer | USC | Centro tecnolóxico Cetaqua | Santiago de Compostela |
| Rocío Cordeiro Rey | USC | Bflow | Santiago de Compostela |
| Pablo Rodeiro Otero | USC | Vimbio Corp. | A Coruña |
| Eduardo Rafael Nogueira Marques | UVigo | Compañía Española de Algas Marinas | O Porriño |
| Amanda Franco Sardinha | UVigo | Energio Research | Vigo |
| Valentina Mariana Romero | UVigo | Balidea | Santiago de Compostela |
| Moshelem Molho López | UVigo | Centro tecnolóxico Gradiant | Vigo |
| Gonzalo Costas Fernández | UVigo | Neboda Farms | Vigo |
| Brais Pérez Vázquez | UDC | Centro tecnolóxico Gradiant | Vigo |
| Pedro Pablo Gómez González | UDC | Técnicas de Soft | A Coruña |
Da universidade ao mercado
Ademais de potenciar a captación de talento e a creación de emprego de calidade, os Doutoramentos Industriais tamén promoven a transferencia de coñecemento das universidades ao tecido produtivo e fomentan a realización de proxectos de investigación industrial en empresas. Estimula, así mesmo, a incorporación do persoal doutor nestas entidades unha vez que remata a axuda, dándolle continuidade á bolsa da Xunta.
Os proxectos de investigación das teses buscan resolver as necesidades e retos da empresa ou centro tecnolóxico receptor. As axudas cobren os custos de contratación e os gastos relacionados co proxecto tanto na universidade como na empresa, ao tempo que ofrecen apoios para a realización de estadías de tres meses no estranxeiro.
O programa de Doutoramentos Industriais enmárcase na aposta da Xunta polo talento e o emprego de calidade no ámbito da I+D+i e trata de posicionar a Galicia como unha rexión atractiva para o desenvolvemento da carreira investigadora. Este programa súmase ás medidas que o Goberno autonómico está poñendo en marcha como Oportunius, Ignicia, as liñas de apoio ás etapas predoutoral e posdoutoral e aos grupos de investigación e a nova Fundación Galtia, de atracción de talento investigador de alto nivel, que comezará a funcionar este ano.
De feito, o programa de Doutoramentos Industriais forma parte dun paquete impulsado pola Consellería de Ciencia, que no ano 2026 se incrementa ata máis de 64M€.



