- Ángeles Vázquez destaca que o Executivo galego aporta o 80% dos 31 millóns de euros necesarios para executar as actuacións e o Concello, o 20% restante
- Os traballos, que contan con cofinanciamento europeo no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, realizaranse nos terreos que ocupa a infraestrutura actual, que manterá a súa actividade en todo momento
- A conselleira salienta o importante esforzo do Goberno autonómico neste concello para mellorar o tratamento das augas residuais, pois a ampliación da EDAR súmase a outros proxectos en marcha como a mellora da rede de saneamento municipal, cun investimento de máis de 9 millóns de euros financiados integramente pola Xunta
- O apoio técnico e económico de Augas de Galicia ás entidades locais permitiu mellorar as redes de saneamento e depuración, contribuíndo a que o 80% das masas de auga de competencia autonómica estean en bo estado, fronte ao 56% estatal
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asinou hoxe co alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, o convenio de colaboración para realizar as obras de mellora e ampliación da estación depuradora de augas residuais (EDAR) da localidade. A Xunta aportará o 80% do investimento necesario para realizar estas actuacións, máis de 25 millóns de euros, e o Concello o 20% restante -algo máis de 6 millóns de euros- co fin de que esta infraestrutura poida duplicar a súa capacidade e atender a unha poboación potencial de preto de 100.000 habitantes.
A responsable autonómica puxo en valor que o orzamento total dos traballos -máis de 31 millóns de euros- permitirá optimizar o funcionamento das instalacións xa existentes, que dan servizo a arredor de 46.000 persoas equivalentes, e amplialas para poder atender a máis do dobre entre poboación fixa da contorna, a estacional de épocas como o verán e as achegas procedentes do sector industrial da localidade.
A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, explicou que o acordo -que conta con cofinanciamento europeo a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027- vai facer posibles uns traballos necesarios para corrixir as deficiencias de funcionamento da EDAR actual e garantir o cumprimento dos límites de vertedura.
Deste xeito, as partes avanzan nos pasos previos a unhas obras que garantirán a sostibilidade desta estación depuradora solucionando os principais problemas detectados durante a realización dun estudo detallado sobre o seu estado. De feito, as actuacións executaranse no emprazamento da actual depuradora, mantendo operativa a instalación e construíndo novas liñas de auga, de lodos e de biogás.
A liña de auga prevista integrará os seguintes procesos: pretratamento -a aloxar nun ou varios edificios con desodorización-, novo tratamento biolóxico, decantación secundaria, tratamento terciario de desinfección e sistema de eliminación química de fósforo. A maiores, construirase tamén un novo bombeo ao emisario submarino existente e avaliarase a necesidade de modificar as bocas existentes e/ou aumentar o número de difusores para que se axusten ao caudal de deseño máximo da EDAR.
En canto á liña de lodos, situarase dentro do actual edificio, instalarase o sistema de desodorización e deseñaranse dúas liñas, tendo en conta que cada unha delas deberá ter capacidade para tratar o caudal diario. Pola súa parte, a liña de biogás estará integrada por gasómetro, tratamento de afino de biogás previo ao motor de coxeración, motor con recuperación de enerxía e facho.
Os traballos tamén inclúen a remodelación dos actuais edificios de control e de lodos e o derrubamento da actual instalación de pretratamento para reconverter o espazo que ocupaba en zona portuaria. Ademais, instalaranse placas fotovoltaicas nas cubertas dos distintos inmobles e revisarase e repararase, de ser necesario, o emisario de preto de 5 quilómetros de lonxitude existente cara ao medio mariño.
Unha vez completadas as obras, as instalacións disporán de capacidade hidráulica para xestionar as augas que se xeran en tempo seco e optimizar o funcionamento en tempo de chuvia, grazas a un aumento do seu caudal medio, que pasará dos 250 litros por segundo actuais aos 500 litros por segundo, duplicando así a súa capacidade.
Outras actuacións
A conselleira destacou o importante esforzo que está a facer a Xunta en materia de mellora dos sistemas de tratamento das augas residuais neste concello pontevedrés, pois a ampliación da EDAR súmase a outras actuacións xa en marcha como a mellora da rede de saneamento municipal, na que Augas de Galicia está a investir máis de 9 millóns de euros, o 100% do custo dos traballos.
As obras, moi avanzadas, inclúen a renovación das conducións na avenida Rodrigo de Mendoza, na marxe esquerda do río Con, a construción de dous tanques de tormentas no aparcadoiro público de Fexdega e na rúa García Caamaño, a conexión destas dúas infraestruturas coa rede de saneamento existente e a execución dun novo tramo de colector na avenida de Cambados.
Colaboración cos concellos
Estas actuacións enmárcanse na colaboración tanto técnica como económica que mantén desde hai anos Augas de Galicia cos concellos -que son os competentes en materia de abastecemento, saneamento e depuración- para contribuír a profesionalizar a xestión da auga, garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e das rías de Galicia e a mellorar a calidade duns servizos que son básicos para a cidadanía.
De feito, ese compromiso cos Gobernos locais reflíctese tamén nos orzamentos deste ano, cun esforzo adicional para mellorar a xestión do ciclo integral da auga e un orzamento global de Augas de Galicia de 144 millóns de euros. Este investimento permite seguir optimizando o saneamento e o abastecemento municipais mediante a mellora das infraestruturas, da formación e da divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático no eido dos recursos hidráulicos.
O obxectivo principal é facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e traída, así como no apoio aos concellos a través de distintas liñas de axudas, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes e de zonas de inundación controlada para facer fronte aos asolagamentos.
Este traballo exhaustivo e permanente, destacou Ángeles Vázquez, é o que permitiu que o 80% das masas de auga de competencia autonómica estean en bo estado, moi por enriba do 56% da media estatal. Uns resultados, incidiu, que son froito dunha adecuada planificación, do investimento constante e dun importante labor de investigación e vixilancia por parte de Augas de Galicia para evitar vertidos irregulares que prexudican o estado dos recursos hidráulicos.