- O Executivo galego investiu máis de 134.000 euros para a adquisición dun vehículo e a realización de melloras no centro de día e no CODI
- Así mesmo, a Consellería de Política Social e Igualdade concedeu a este municipio 190.000 do plan concertado para un programa de atención á discapacidade
A Xunta de Galicia destinou o pasado ano máis de 300.000 euros ao concello de Valga para reforzar diferentes servizos de atención aos maiores e ás persoas con discapacidade. Así o sinalou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, nunha xuntanza co rexedor deste municipio, José María Bello, na que trataron diferentes asuntos relacionados cos servizos sociais.
A conselleira sinalou que o Executivo galego destinou unha partida de máis de 134.000 euros a través de tres convenios para diferentes actuacións. Entre elas, 47.000 euros foron destinados a financiar as obras de acondicionamento do Centro ocupacional de discapacidade (CODI) e outros 67.000 euros para a adquisición dun vehículo adaptado. Ademais, a Xunta financiou con 20.000 euros as obras de mellora do centro de día.
Nesta liña, Fabiola García destacou que o concello de Valga tamén se beneficiou de máis de 190.000 euros de achegas a través do plan concertado. Esta contía está destinada á contratación de persoal e á posta en marcha dun programa específico de atención ás persoas con discapacidade deste municipio.
Así mesmo, a conselleira fixo fincapé na colaboración entre este municipio e a Xunta de Galicia para a mellora da atención aos cidadáns. En concreto, destacou que o Executivo destina máis de 107.000 euros para financiar a gratuidade da escola infantil municipal. A maiores, sinalou que en Valga hai 55 persoas beneficiarias do bono coidado no fogar que reciben unha axuda directa de 5.000 euros anuais.