HomeXunta de GaliciaA Xunta destina máis de 33.000 euros á prestación do servizo de...

A Xunta destina máis de 33.000 euros á prestación do servizo de interpretación de signos na administración de xustiza

- Anuncio -spot_img

A Plataforma de Contratos públicos de Galicia publica hoxe a licitación do contrato para a súa execución nos próximos dous anos

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica a licitación da prestación do servizo de interpretación de signos en lingua española para a atención de persoas xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas na Administración de xustiza en Galicia por máis de 33.600 euros e durante os próximos dous anos e coa posibilidade de prorrogalo un exercicio máis.

Deste xeito, inclúense no contrato os servizos de interpretación para a práctica de dilixencias xudiciais no curso dun procedemento xudicial ou fiscal en Galicia e de dilixencias forenses co Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), así como para as solicitudes de información ou asistencia nas oficinas de asistencia ás vítimas. Débense prestar tamén os servizos de interpretación de contidos xudiciais, fiscais ou forenses dixitais, así como canalizar calquera dúbida que as persoas destinatarias do servizo teñan nas súas relacións coa Administración de xustiza.

O procedemento para a prestación do servizo iniciarase a partir da solicitude dun órgano xudicial no momento en que teña coñecemento da participación dunha persoa xorda, con discapacidade auditiva ou xordocega nun procedemento xudicial, indicando a data e lugar no que debe presentarse a persoa profesional designada pola empresa adxudicataria. Polo tanto, a empresa deberá contar cos medios materiais e humanos precisos e dispoñibles sempre que sexan requiridos. Comprométese tamén á elaboración de guías informativas, tanto para o persoal da Administración de xustiza como para a cidadanía.

A través desta iniciativa, a Xunta pretende contribuír á eliminación das barreiras de comunicación que lles impiden ás persoas xordas e xordocegas o acceso en igualdade de condicións aos servizos da Administración de Xustiza. A medida súmase a outras centradas en diferentes ámbitos autonómicos, como o convenio coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg) para garantir a accesibilidade dos actos institucionais ou as tecnoloxías implantadas para facilitar o acceso aos servizos de emerxencias.

Publicacións Relacionadas