- A convocatoria, que sae publicada hoxe no DOG, vai destinada a concellos de menos de 50.000 habitantes que conten con estes colectivos
- A adquisición está cofinanciada polos fondos europeos do programa Feder 2021-2027
- Entre o material que se cederá figuran 35 kits de material loxístico de seguridade viaria, 32 kits de ferramentas eléctricas e 10 tendas de campaña
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se establecen as bases reguladoras para a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias aos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións de municipios galegos que conten con agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC).
A convocatoria, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder-Galicia 2021-2027, conta cun orzamento de case 350.000 euros, distribuídos en tres lotes. En concreto, cederanse 35 kits de material loxístico de seguridade viaria, 32 kits de ferramentas eléctricas e 10 tendas de campaña para atención ás emerxencias.
As entidades locais cunha poboación menor a 50.000 habitantes que cumpran as condicións estipuladas poderán optar a este equipamento específico para os seus labores de emerxencias. As solicitudes deberán presentarse desde mañá e no prazo dun mes a través da sede electrónica da Xunta ( https://sede.xunta.gal).
Esta convocatoria forma parte das actuacións da Xunta dirixidas a dotar do equipamento necesario aos concellos con servizos de protección civil e emerxencias, co obxectivo de reforzar a súa capacidade de resposta e garantir unha actuación eficaz e segura ante situacións de risco.
Cómpre lembrar que nos últimos anos, o Goberno galego leva investidos máis de 27 millóns de euros en equipamento aos servizos de emerxencias da comunidade como estas AVPC ou os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). No caso das AVPC, esta orde complementa a outra anual, que neste exercicio se incrementou a 370.000 euros, destinada a sufragar os seus gastos de funcionamento. Neste caso, a resolución publicouse en maio con case 200 colectivos beneficiarios.

