Home Vigo Gondomar A Xunta destinará 2,4M€ para garantir o servizo de depuración de...

A Xunta destinará 2,4M€ para garantir o servizo de depuración de augas a máis de 50.000 persoas nos concellos de Nigrán, Gondomar e Soutomaior

- Anuncio -

― Está previsto que os contratos para a xestión de tres estacións depuradoras localizadas nestes municipios pontevedreses se prorroguen ata maio do ano 2025

― Augas de Galicia asumiu hai case dúas décadas a explotación destas instalacións municipais, ás que destinou xa ata o momento máis de 27 millóns de euros

― O acordo enmárcase na liña de colaboración técnica e económica que mantén o Goberno galego coas entidades locais para ofrecer unha alternativa de xestión autonómica destes servizos, profesionalizando a xestión e garantindo a súa calidade

A Xunta destinará 2,4 millóns de euros a garantir o correcto funcionamento do servizo de depuración de augas residuais nos concellos de Nigrán, Gondomar e Soutomaior a través da xestión e explotación das súas respectivas depuradoras. A medida estímase que beneficiará a máis de 50.000 persoas, as mesmas ás que poderían chegar a dar servizo actualmente estas instalacións.

A tal fin, está previsto someter mañá á autorización do Consello da Xunta as prórrogas por un ano máis —ata maio de 2025— dos contratos para a xestión de tres Estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) existentes nestes municipios pontevedreses, cun custo previsto de 1,2 millóns de euros no caso da planta de Nigrán, de 0,8 millóns na de Gondomar e de 0,4 millóns na de Arcade, en Soutomaior.
As tarefas a desenvolver comprenden, entre outras, o mantemento do funcionamento normal das tres instalacións de forma ininterrompida e continuada para manter, en todo momento, uns índices de depuración que cumpran os límites establecidos na normativa vixente aplicable.

Ademais, a explotación das EDAR tamén inclúe a retirada, transporte e vertedura de graxas, areas e residuos das reixas e peneiras cumprindo coas debidas condicións hixiénicas, o secado dos lodos producidos e a xestión e conservación en perfecto estado da totalidade dos elementos, instalacións e equipos que integran a planta así como as demais tarefas e operacións necesarias para unha adecuada prestación do servizo.

Cómpre lembrar que a Xunta, a través de Augas de Galicia, asumiu a xestión e explotación das estacións que tratan as augas residuais dos concellos de Nigrán, Gondomar e Soutomaior no ano 2005 mediante a formalización dos correspondentes contratos, nos que o Goberno autonómico leva investidos ata o momento algo máis de 27 millóns de euros.

A vixencia dos contratos orixinais rematou a mediados do ano 2020 polo que, en virtude do previsto na Lei de contratos das administracións públicas, procederase agora a autorizar a que será a súa terceira prórroga —logo das dúas autorizadas nos anos 2020 e 2022— para poder seguir ofrecendo o servizo.
Colaboración coas administracións locais
Aínda que a prestación dos servizos de saneamento e abastecemento son unha responsabilidade de competencia municipal, a Xunta leva anos prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten no marco dunha estratexia coa que busca ofrecer unha alternativa de xestión autonómica dos servizos da auga.

Esta liña de colaboración viuse reforzada coa Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, aprobada no ano 2022 e que desenvolve ferramentas de apoio aos municipios en materia de depuración e saneamento ante as dificultades técnicas e financeiras que teñen algúns deles para asumilo, facilitando que este servizo se poida prestar directamente pola Xunta mediante un sistema de adhesión voluntario.

Ademais, o actual modelo de prestación de servizos autonómicos contribúe tamén a profesionalizar a xestión da auga, a garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e rías de Galicia e a mellorar a calidade duns servizos básicos para a cidadanía.

Na actualidade, Augas de Galicia encárgase da explotación de 28 estacións depuradoras de augas residuais no conxunto da comunidade. Delas, 14 son de titularidade municipal e están baixo xestión autonómica, incluídas as depuradoras de Nigrán, Gondomar e Soutomaior; 1, a de Praceres, que dá servizo a Pontevedra, Poio e Marín, é de titularidade autonómica; e as 13 restantes foron construídas mediante a fórmula de concesión e o prazo de explotación aínda non rematou.
Neste sentido, a Xunta mobilizará este ano un orzamento total de 85 millóns de euros para financiar actuacións de saneamento e depuración de augas en toda Galicia, incluíndo os custos de explotación destas 28 depuradoras (por 25 millóns de euros).

Relacionadas

A Xunta informa nunha xornada técnica sobre a nova normativa europea de máquinas que...

0
A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe na apertura dunha xornada técnica en formato webinar...

Ángeles Vázquez salienta que as 140 bandeiras de 2024 consolidan Galicia como exemplo do...

0
— Incide en que estes recoñecementos poñen en valor a costa, o patrimonio natural e a imaxe turística da Comunidade como destino sustentable e...

López Campos pon en valor a iniciativa de divulgar a colección de arte do...

0
— A retrospectiva, que reúne pezas da colección de arte da Cámara galega, chega á Coruña tras o seu paso por Vigo, Ferrol, Lugo...

Os Concellos de Mondariz Balneario, Mondariz e Pazos de Borbén reciben unha subvención para...

0
O Concellos de Mondariz Balneario, Mondariz e Pazos de Borbén obtiveron de una subvención de 7.630,00 € destinada a redacción de proxectos de planificación...

A Xunta traballará en coordinaciòn cos axentes sociais traballarà en coordinaciòn cos axentes sociais...

0
González apelou a manter sempre activo os procesos de escoita activa co tecido empresarial porque afirmou que a colaboración público-privada é a chave para...

A Xunta pon en marcha unha campaña para alertar sobre os riscos do manexo...

0
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado pola xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela...

Publicacións Relacionadas