- Entre as principais actuacións en marcha ou a punto de licitarse na zona destacan a mellora do saneamento de Vilanova-Cambados, que contará con 2 M€ para 2026, e as obras destinadas a optimizar o servizo de depuración de Vilagarcía, con 1,1 M€
- Ángeles Vázquez pon en valor o esforzo investidor en materia hidráulica nesta comarca, que concentra 1 de cada 6 euros do orzamento total de Augas de Galicia
- Salienta que as contas do organismo autonómico, que suman 151,7 M€ e soben case un 5,5%, confirman o compromiso do Goberno galego coa mellora do abastecemento e do saneamento tanto dos núcleos rurais como das grandes aglomeracións urbanas
A Xunta destinará o próximo ano un total de 25,4 millóns de euros a continuar ou impulsar un conxunto de actuacións hidráulicas que contribuirán a mellorar a calidade das augas na ría de Arousa e beneficiarán ás poboacións dos concellos localizados en ambas marxes.
Así o anunciou esta mañá durante unha visita á Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que presentou os principais proxectos e investimentos de Augas de Galicia nas comarcas do Salnés e Barbanza incluídos nas contas do seu departamento para 2026.
A responsable autonómica puxo en valor o esforzo investidor en materia hidráulica que se fará nesta comarca xa que, de feito, concentra 1 de cada 6 euros do orzamento total asignado ao administración hidráulica para o ano que vén.
Así mesmo, salientou que as contas de Augas de Galicia, que suman 151,7 millóns de euros e soben case un 5,5% respecto ás deste ano, confirman o compromiso do Goberno galego coa mellora do abastecemento e do saneamento tanto dos núcleos rurais como das grandes aglomeracións urbanas da comunidade.
A modo de exemplo, a conselleira explicou que grazas ao investimento comprometido nesta zona se asumirán os custos de funcionamento das infraestruturas hidráulicas que actualmente dan servizo á veciñanza de Arousa (6,9 millóns) e, ademais, seguirase coas actuacións de calado que xa están en marcha ou se licitarán en breve (18,5 millóns).
En concreto, entre os proxectos destacan a mellora do saneamento de Vilanova-Cambados, que contará con 2 millóns consignados para 2026; e as dúas obras destinadas a optimizar o funcionamento do servizo de depuración de Vilagarcía, que suman 1,1 M€ dirixidos á mellora e optimización dos sistemas de colectores municipais (obra con remate previsto o próximo ano) e á redacción do proxecto e construción da nova estación depuradora, infraestrutura cun orzamento de máis de 31 millóns de euros.
Así mesmo, tamén haberá investimentos importantes para mellorar o abastecemento, tanto na marxe dereita, coa finalización en 2026 da ampliación da estación potabilizadora de Padrón, obra xa en execución e cunha partida anual asignada de 1,2 millóns, como na esquerda, coa licitación da ETAP do Salnés (200.000 euros).
Tras subliñar que as rías galegas son un elemento básico para o desenvolvemento socioeconómico e ambiental de Galicia, no caso concreto da de Arousa, Ángeles Vázquez asegurou que a Xunta e o seu departamento en particular teñen o firme compromiso de continuar nesta década cos investimentos necesarios para garantir a súa calidade.
Neste sentido, cómpre lembrar que desde o ano 2009 se mobilizaron xa 150 millóns de euros nesta ría, dos cales 140 millóns foron achegados pola Xunta de Galicia, un esforzo que ten permitido poñer en marcha depuradoras tan relevantes como a de Ribeira, a de Corrubedo, a de Rianxo, a do Grove, a de Tragove (Cambados) ou a de Ribadumia.
Para continuar na mesma liña, de aquí a 2029 e contando tanto coas actuacións actualmente en marcha como con aquelas que se impulsarán o ano que vén, mobilizaranse outros 92 millóns de euros para atender todas as necesidades detectadas co fin de mellorar o abastecemento, o saneamento e a depuración da ría de Arousa.
Orzamento xeral da Xunta
Os orzamentos da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático enmárcanse nunhas contas da Xunta para 2026 que superan por primeira vez na historia a barreira dos 14.000 millóns de euros. En concreto, son 14.240 millóns, un 2% máis que en 2025, que porán o foco nas áreas sociais para seguir fortalecendo e modernizando un Estado de Benestar que favoreza a igualdade entre todas as galegas e galegos.
Deste xeito, os orzamentos de Galicia para 2026 reforzan o gasto social, dan un novo pulo á vivenda pública e priman a economía produtiva para xerar emprego estable e de calidade. Ademais, dotan de recursos as novas competencias do litoral, melloran o coidado do territorio con máis medios e efectivos, aumentan o apoio aos concellos e comezan a preparar o Xacobeo 2027.