A Xunta destinará preto de 53 M€ para apoiar a concellos e empresas na xestión eficiente dos residuos e para avanzar cara a unha economía circular

adminON
Lectura mínima de 3

— Ángeles Vázquez salienta que preto de 3 de cada 10 euros terán como obxectivo apoiar a concellos, empresas, fundacións e entidades sen ánimo de lucro no eido da xestión de refugallos

— Fai fincapé na importancia de promover iniciativas relacionadas coa xestión de aceites e téxtiles dado que a súa recollida separada será obrigatoria para os concellos a partir do 1 de xaneiro de 2025

— Pon en valor o traballo que desenvolve PMA Nutrigras ao recoller, transportar e preparar aceite usado de cociña para a súa transformación en biocombustible

A Xunta de Galicia destinará en 2025 preto de 53 millóns de euros para apoiar a concellos e empresas na xestión eficiente e sostible dos residuos e para avanzar cara a un modelo de economía circular, o que supón un incremento de preto do 30% con respecto o ano anterior.

Durante a súa visita ás instalacións da empresa PMA Nutrigras, en Mos, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou que preto de 3 de cada 10 euros -15 millóns de euros- terán como obxectivo apoiar a concellos, empresas, fundacións e entidades sen ánimo de lucro na xestión de refugallos.

Máis polo miúdo, as entidades locais disporán de 12 M€ en varias liñas de axudas para a recollida separada de biorresiduos, aceites e téxtiles -9,2 M€- así como para a mellora de instalacións de recollida separada de refugallos municipais como, por exemplo, puntos limpos -2,8M€-. E, por outra banda, 3 millóns de euros destinaranse a apoios a pemes, fundacións e entidades sen ánimo de lucro para a construción de instalacións de preparación para a reutilización e reciclaxe de residuos téxtiles domésticos recollidos de xeito selectivo.

Nese senso, a conselleira fixo fincapé na importancia de promover iniciativas relacionadas coa xestión de aceites e téxtiles dado que a súa recollida separada será obrigatoria para os concellos a partir do 1 de xaneiro de 2025.

Nesa liña, Ángeles Vázquez puxo en valor o traballo que vén desenvolvendo PMA Nutrigras ao recoller, transportar e preparar aceite usado de cociña para a súa posterior transformación en biocombustible. Deste xeito, logo de incidir na “aposta pioneira” que supuxo o desenvolvemento desta iniciativa a finais do pasado século, a conselleira salientou o labor que realiza a empresa que esta empresa ao recoller aceite usado do canal Horeca, de puntos limpos de concellos, de conserveiras e, incluso, de edificios urbanos a través dun sistema de retirada porta a porta.

A maiores, a conselleira enxalzou o seu compromiso coa innovación constante e puxo como exemplo a firma, en 2023, dun convenio coa Universidade de Santiago de Compostela para investigar a posible reutilización do aceite recuperado para o tratamento de bioplásticos.

Comparte este artigo