HomeXunta de GaliciaA Xunta destinou 14 M€ en 8 anos a reforzar a Rede...

A Xunta destinou 14 M€ en 8 anos a reforzar a Rede Galega de Puntos Limpos, que conta xa con 374 instalacións no conxunto da comunidade

- Anuncio -spot_img
  • Ángeles Vázquez salienta os 2,6 M€ concedidos ao abeiro das axudas deste ano para apoiar a 63 concellos na mellora deste tipo de instalacións, concibidas para garantir unha correcta xestión de fraccións especiais que quedan fóra da recollida ordinaria
  • Pon a Sober como exemplo de concello rural comprometido coa economía circular e a xestión sostible dos residuos de orixe doméstica e avanza que no mes de decembro estará operativo un novo espazo municipal de preparación para a reutilización
  • O Goberno galego reserva nos orzamentos de 2026 un total de 8,2 M€ para convocar 7 liñas de subvencións para mellorar a recollida separada dos refugallos a nivel local

A Xunta de Galicia destinou desde o ano 2018 un total de 14 millóns de euros a apoiar diferentes iniciativas a nivel local dirixidas a garantir unha correcta xestión daquelas fraccións de residuos especiais que quedan fóra da recollida domiciliaria ordinaria. Este esforzo económico, canalizado a través de sucesivas convocatorias de axudas, contribuíu a reforzar a actual Rede galega de puntos limpos, que conforman 374 instalacións de tipo fixo, móbil e de proximidade.

Así o destacou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que visitou precisamente esta mañá Sober con motivo da entrada en funcionamento do punto limpo municipal, construído polo concello grazas a unha subvención de 97.506 euros da Xunta coa que cubriu o 90% do investimento necesario para a súa execución.

Tras destacar que a nova instalación dará servizo aos preto de 2.200 veciñas e veciños do municipio, a responsable autonómica explicou que os puntos limpos son instalacións clave para avanzar nunha xestión sostible e eficiente de residuos urbanos de diversa tipoloxía (como aparellos eléctricos e electrónicos, pilas e baterías, mobles e enseres domésticos, restos de podas, vidro, madeira, etc) que non contan con contedores específicos para a súa recollida e, polo tanto, quedan fóra do sistema ordinario.

De feito, salientou que só ao abeiro da convocatoria de axudas deste ano, o seu departamento concedeu un total de 2,6 millóns de euros a 63 entidades locais para colaborar no financiamento da mellora ou creación de puntos limpos nas súas diferentes tipoloxías, así como para impulsar proxectos de preparación para a reutilización de residuos de orixe doméstica.

No caso concreto do punto limpo de Sober, a instalación subvencionada complementará a instalación móbil que xa opera actualmente no municipio e constará dunha caseta de control para atender aos usuarios e rexistrar as entregas; un almacén de residuos perigosos; unha zona cuberta con contedores de gran volume; e outra de contedores para almacenar temporalmente distintos residuos que poden estar á intemperie.

230.000 € en dúas axudas

Con este tipo de achegas, Ángeles Vázquez subliñou que a Xunta segue demostrando o seu apoio aos concellos rurais para que poidan ofrecer á veciñanza servizos modernos e á altura do que demandan e considerou que, neste sentido, o caso de Sober pode servir de exemplo para outros municipios da contorna e do resto de Galicia.

Así, lembrou que ademais da subvención recibida para a construción do punto limpo, o concello complementará esta nova instalación cun espazo de preparación para a reutilización municipal que permitirá reparar e acondicionar residuos domésticos co fin de darlles un segundo uso e prolongar a súa vida útil. Os traballos construtivos, de feito, xa están moi avanzados e a previsión é que poida entrar en funcionamento en decembro.

Para poñer en marcha ambas infraestruturas de residuos, a conselleira lembrou que o Concello de Sober recibiu dúas axudas do seu departamento por un importe global de 230.506 euros (97.506 € para o punto limpo e 133.000 € para o espazo PxR) polo que animou a outras entidades locais a seguir o exemplo e demostrar que os concellos pequenos poden ser “referentes” en materia de xestión ambiental e economía circular.

Por iso, a responsable autonómica considerou imprescindible continuar por este camiño e seguir brindando apoio económico ás administracións locais para axudalas a avanzar na redución da produción de residuos, no incremento da reciclaxe e no fomento da concienciación ambiental.

Con tal fin, referiuse aos 8,2 millóns de euros reservados nos orzamentos do seu departamento de 2026 para convocar 7 liñas de axudas destinadas a mellorar a recollida separada dos diferentes tipos de refugallos domésticos a nivel local. Entre elas e como novidade, a conselleira destacou que se ofrecerán apoios para dixitalizar a recollida separada dos residuos urbanos ao tempo que se lle dará continuidade a algunhas das subvencións de maior éxito no eido dos residuos, como as achegas para financiar iniciativas ligadas á fracción orgánica ou aos puntos limpos fixos ou móbiles.

Publicacións Relacionadas