HomeXunta de GaliciaA Xunta destinou máis de 129M€ nos últimos anos a actuacións de...

A Xunta destinou máis de 129M€ nos últimos anos a actuacións de mellora en dependencias xudiciais

- Anuncio -spot_img
  • O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, pon como exemplos as obras da nova sede do Imelga en Santiago de Compostela ou os traballos de eficiencia enerxética en varios tribunais de instancia  
  • Destaca os investimentos da Administración autonómica para contar con instalacións xudiciais máis accesibles e eficientes

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, detallou hoxe no Parlamento galego as actuacións levadas a cabo nos últimos anos en melloras as dependencias xudiciais da comunidade que supuxeron un investimento de 129 millóns de euros, a maior cifra na Administración de xustiza. Estas medidas enmárcanse no compromiso do Goberno galego coa mellora da accesibilidade tanto nos novos edificios como nos antigos e no impulso da mellora da eficiencia enerxética co obxectivo de contar con instalacións xudiciais accesibles e eficientes.

Tamén resaltou as obras que se están a levar a cabo actualmente como a nova sede do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) en Santiago de Compostela á que a Xunta destina 7,4 millóns de euros para albergar a dirección do instituto en toda Galicia e a subdirección da capital galega.  Trátase dun edificio cunha superficie útil de máis de 3.100 metros cadrados de dúas alas separadas por unha zona verde e cada unha delas dividida en tres andares, ademais dun soto e un arquivo. Ademais, estase a rematar a reforma do Imelga e do xulgado de garda do antigo edificio dos xulgados da Parda en Pontevedra que, como detallou o director xeral, contan cun orzamento de 300.000 euros. Nesta liña, lembrou que neste ano inauguráronse os novos xulgados da Estrada, aos que se destinou 3,3 millóns de euros e cuxo traslado comezará neste mes de novembro.

A estas actuacións súmanse os traballos de eficiencia enerxética, cofinanciadas con fondos europeos Feder, que se están a levar a cabo actualmente nos tribunais de instancia do Carballiño, O Porriño e Carballo, que suman unha achega de 1,5 millóns de euros. Nos xulgados de Caldas de Reis e Monforte están previstas obras deste tipo por 1,2 millóns e máis de 409.200 euros respectivamente que, como anunciou José Tronchoni, se atopan en fase de licitación para que os traballos poidan comezar o próximo ano.

Estas actuacións forman parte dos 5,6 millóns recollidos nos orzamentos do ano pasado para executar proxectos de eficiencia enerxética en case unha decena de instalacións xudiciais da comunidade, aos que se suman outros 4,9 millóns nas contas deste ano para melloras similares nos xulgados de Viveiro, Vilalba, Corcubión, A Coruña, Betanzos e Ferrol. Cómpre engadir coa implantación da nova oficina xudicial derivada da nova Lei de Eficiencia Xudicial a Xunta traballa na rehabilitación e adaptación dos espazos actuais unha vez reorganizado o persoal en base á normativa.

Implantación plataforma Atenea

Noutra pregunta parlamentaria o director xeral de Xustiza, reclamou ao Ministerio de Xustiza a mesma implicación que está a amosar a Xunta para que a nova plataforma de xestión procesual Atenea estea dispoñible tamén en galego. Nesta liña, incidiu na vontade do Goberno galego para asumir a tradución do programa Atenea nun prazo que permita a súa dispoñibilidade na Administración da xustiza desde o momento da súa implantación. Fronte a isto, sinalou a postura do Executivo estatal que non atende as peticións de información da Xunta sobre a estrutura e fontes do novo sistema para que sexa posible adaptalo á lingua galega sen ter que esperar á sinatura dos dous convenios previstos co Ministerio de Xustiza. 

Nesta liña, lamentou tamén o retraso na súa execución xa que o Goberno central non contempla o sistema na fase III da nova oficina xudicial. Polo tanto, non estaría funcionando a finais deste ano como o resto de órganos desta fase e habería que falar de novos prazos.

Cómpre lembrar que este cambio ao sistema Atenea ten entre as principais novidades a capacidade de ser soporte aos esquemas de tramitación e documentación xurídica en galego e castelán, a diferencia do seu predecesor Minerva. O Ministerio encargaríase da transferencia de solucións tecnolóxicas e a Xunta comprometeríase a garantir o acceso e ao desenvolvemento dos esquemas de tramitación e documentación xurídica que sirva de soporte para poñer en marcha sistemas de información na lingua galega, ademais da tradución dos elementos da interface dos sistema de xestión procesual.

Publicacións Relacionadas