HomeXunta de GaliciaA Xunta destinou máis de 14M€ a melloras da eficiencia enerxética de...

A Xunta destinou máis de 14M€ a melloras da eficiencia enerxética de 200 establecementos turísticos de Galicia

- Anuncio -spot_img
  • O director de Turismo de Galicia participou na xornada ‘Eficiencia e Xeotermia. Sector Turístico’, onde afondou na aposta da Xunta por un sector turístico máis eficiente e sostible
  • Este 2025, financiáronse con case 1,5M€ nove proxectos en establecementos da comunidade que apostaron pola xeotermia para mellorar a súa eficiencia enerxética

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, abriu esta mañá en Santiago de Compostela a xornada ‘Eficiencia e Xeotermia. Sector Turístico’, organizada pola Asociación Clúster da Xeotermia Galega ACLUXEGA coa colaboración do Clúster de Turismo de Galicia e do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

Merelles destacou o compromiso da Xunta de Galicia coa eficiencia enerxética no sector turístico. Unha aposta que queda recollida na Estratexia de Turismo 2030, que fai da sostibilidade a liña vertebradora do plan e lle dedica ademais unha das súas oito misións.

O director de Turismo de Galicia repasou as principais liñas de axudas destinadas á realización de obras de melloras de eficiencia enerxética nos establecementos turísticos. Nos últimos tres anos realizáronse dúas convocatorias, a través das que se levan dedicados 14,2M€ -financiados ao 100% polos fondos NextGenerationEU, cofinanciados pola Unión Europea a través do Mecanismo europeo de recuperación e Resiliencia-. A primeira convocatoria, do ano 2022-2023, pechouse con 31 empresas beneficiarias e 3,2M€ adxudicados.

O pasado mes de xullo publicáronse no Diario Oficial de Galicia as beneficiarias da segunda liña, tras ampliar o crédito nun millón de euros, ata algo máis de 11M€. En total, 150 empresas recibiron financiación para os seus proxectos de eficiencia enerxética, das que nove inclúen a instalación de xeotermia que supuxeron un total de case 1,5M€.

Merelles destacou o aporte da Xunta para apoiar a modernización dos establecementos turísticos a través doutras subvencións, ata unha inversión total de 20M€. A estas hai que sumar ademais, as achegas específicas para establecementos que sufriron cancelacións derivadas da vaga de incendios do verán en Galicia.

“Estas medidas están a dar bo resultado, como proban os datos acumulados de turismo en 2025”, incidiu o director da Axencia, quen repasou as principais cifras do sector ata o mes de agosto: máis de 5,12M de persoas visitaron Galicia, un 3,9% máis que no mesmo período de 2024, realizando 9,78M de pernoctacións, un 3,4% máis. Suben tamén os ingresos hoteleiros nun 5,6% ata os 312,9M€, así como a rendibilidade hoteleira, cun incremento do 6,4%.

Publicacións Relacionadas