HomeXunta de GaliciaA Xunta duplica as prazas do programa Conecta co Voluntariado en Galicia...

A Xunta duplica as prazas do programa Conecta co Voluntariado en Galicia destinado á mocidade galega do exterior

- Anuncio -spot_img
  • A convocatoria, publicada hoxe no DOG, vai dirixida a persoas galegas que residan no exterior de entre 21 e 30 anos
  • Desenvolverase entre o 26 de agosto e o 6 de setembro no campo de voluntariado do Castro de Viladonga en Castro de Rei, Lugo, e na ría de Arousa, centrado na adecuación do espazo ambiental mariño e costeiro
  • O programa realízase a través da Secretaría Xeral da Emigración, coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
  • O prazo de presentación de solicitudes abrirá mañá e prolongarase ata o 26 de maio

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria da nova edición do programa Conecta co Voluntariado en Galicia, unha iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, destinada á mocidade galega do exterior co obxectivo de facilitar o contacto coa realidade galega, o coñecemento da súa contorna e a convivencia con outras persoas de distintas procedencias, a través da participación en actividades de voluntariado cultural e medioambiental.

Nesta edición de 2025, a Xunta convoca un total de 50 prazas, das cales 40 resérvanse para mozos galegos residentes no exterior e 10 para residentes en Galicia. O programa desenvolverase entre o 26 de agosto e o 6 de setembro, e as persoas participantes poderán elixir entre dous campos de voluntariado: un de carácter ambiental e outro cultural. En todo caso, tamén poderán manifestar o seu interese en participar na opción non elixida no caso de non resultar adxudicatarias dunha praza no campo escollido e quedar vacantes no outro.

Detalles da convocatoria

O campo de voluntariado ambiental desenvolverase na ría de Arousa, na provincia de Pontevedra, e estará centrado na adecuación do espazo ambiental mariño e costeiro. Pola súa parte, o campo de voluntariado cultural levarase a cabo no castro de Viladonga, no concello lugués de Castro de Rei, onde as persoas participantes colaborarán co equipo de escavación e conservación deste xacemento.

Con este programa, a Xunta busca reforzar os vencellos da mocidade galega no exterior con Galicia, ofrecéndolles unha experiencia enriquecedora que combina o compromiso social co reencontro coas súas raíces. Ao mesmo tempo, promóvese a convivencia, o intercambio de experiencias e a creación de novas redes entre a mocidade galega de dentro e fóra das nosas fronteiras.

As persoas interesadas deberán ter entre 21 e 30 anos a 20 de xullo de 2025, ter nacido en Galicia ou ser descendentes de persoas emigrantes galegas, posuír nacionalidade española e estar vinculadas a un concello galego a través do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (PERE) cunha antigüidade mínima de tres meses contados desde o día da publicación da convocatoria no DOG. Ademais, deberán carecer de discapacidades que lles impidan viaxar ou participar con normalidade nas actividades.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá, 25 de abril ata o 26 de maio de 2025. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, aínda que tamén se poderán tramitar a través das entidades colaboradoras nos países de residencia, nos consulados ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Conecta co Voluntariado en Galicia é unha iniciativa consolidada no calendario da Secretaría Xeral da Emigración, que cada ano permite que mozas e mozos galegos do exterior participen activamente na vida social e cultural do país, ao tempo que reforzan a súa identidade e senten Galicia como propia.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250424/AnuncioG0767-070425-0001_gl.html

Publicacións Relacionadas