O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, mantivo un encontro de traballo co presidente do ente empresarial, José García Costas
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, mantivo unha xuntanza de traballo co presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, José García Costas, na que, entre outros asuntos, avaliáronse posibles vías de colaboración coa Fundación Galicia Europa (FGE). O obxectivo é potenciar a presenza do empresariado galego en Bruxelas e o achegamento ás institucións europeas. O encontro foi unha primeira toma de contacto a partir da cal ambas institucións traballarán da man para avanzar nesta cuestión.
Diego Calvo destacou como moi positiva para Galicia esta posibilidade de colaboración. Así, segundo sinalou, a Fundación Galicia Europa xa aposta por reforzar a dimensión europea do tecido empresarial galego, no marco das súas competencias, capacidades e recursos. Nesta liña, lembrou que entre os seus servizos están facilitar información estratéxica e de seguimento lexislativo, desenvolver actividades de formación ou prestar asesoramento sobre o funcionamento político e institucional.
A FGE é un ente instrumental do sector público autonómico que, dende 1988, actúa como punta de lanza da participación galega nos asuntos europeos. A Lei 10/2021 reguladora da acción exterior de Galicia recolle o seu mandato para “exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado”.
Os seus catro ámbitos de actuación son: a defensa dos intereses de Galicia ante a UE, a promoción da participación galega en proxectos europeos, a difusión de información sobre a UE en Galicia e a formación sobre as institucións comunitarias. Para a consecución destes obxectivos, a FGE conta con dúas oficinas, unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das máis de 200 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.