— O director do Igape, Fernando Guldrís, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participaron esta mañá no I Foro Think Tank de Valdeorras: As empresas do rural ante os novos retos
— O responsable do Igape destacou as vantaxes da dixitalización e da economía circular para impulsar o desenvolvemento nas zonas non urbanas
— A directora da Axencia Galega de Innovación, pola súa banda, reivindicou o papel clave que xoga a innovación para competir e facer fronte aos retos globais
A Xunta de Galicia, en colaboración coa Confederación Empresarial de Ourense, celebrou esta mañá no Barco o I Foro Think Tank de Valdeorras: As empresas do rural ante os novos retos, no marco do programa Conecta Ourense, co obxectivo de amosar experiencias empresariais que abordan retos da economía rural como a economía circular, a dixitalización, a sustentabilidade e a innovación.
O director do Igape, Fernando Guldrís, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, moderaron mesas de debate ao redor de como competir e como impulsar a innovación no rural, respectivamente. Ambos destacaron a aposta de Xunta de Galicia polo rural, motor da economía galega, e coincidiron en que o papel da Administración autonómica debe ser acompañar ás empresas e emprendedores para evolucionar cara a unha economía máis dixital, verde e innovadora.
Esta aposta decidida polo rural materialízase en programas como o Galicia Emprende Rural, destinado a apoiar a creación de emprego nas zonas rurais mediante axudas á primeira implantación de actividades económicas non agrarias, así como o Programa de impulso á innovación nas pemes, que aspira a que a innovación sexa a esencia da competitividade das pemes galegas con independencia do seu tamaño, sector ou localización.
Por un lado, Fernando Guldrís apuntou que a dixitalización é unha grande oportunidade para o tecido empresarial rural, xa que permite emprender e mellorar a competitividade de sectores como a agricultura ou a gandería. Así mesmo, subliñou a necesidade do investimento público-privado, para impulsar a formación e atraer proxectos tractores que poñan en valor recursos locais, nichos de mercado e xeren alternativas para emprender, e do impulso ao desenvolvemento do mundo rural baseado na economía circular, para revalorizar e optimizar os abundantes recursos do mundo rural.
Argerey, pola súa banda, animou ás empresas asistentes a innovar para facer fronte aos retos globais e para gañar competitividade nun mundo globalizado como o actual. Insistiu en que a innovación está ao alcance de todos e que non está reservada ás grandes empresas nin a sectores determinados. De feito, apuntou que a innovación é clave para diferenciarse, achegar valor, adaptarse á contorna e medrar e que non está restrinxida á innovación tecnolóxica, senón a calquera cambio nos distintos ámbitos de actividade da empresa que xere ingresos.