- O obxectivo é planificar accións conxuntas para protexer os ríos desta bacía do impacto do lume para o cal na comisión haberá representantes das direccións xerais de Patrimonio Natural e de Defensa do Monte, de Augas, da CHMS e dos concellos
- Ángeles Vázquez pon en valor que Augas de Galicia traballou desde finais de agosto en diferentes medidas orientadas a crear barreiras anticontaminación fronte ás cinsas nas contornas fluviais de Galicia-Costa e ofrece a súa colaboración técnica
- A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático tamén puxo en marcha un plan de alimentación para herbívoros e aves superviventes aos lumes, co reparto manual e aéreo de 214,5 Tn de palla, cereais e sal e convocou axudas a mancomunidades, concellos e tecores para reparar infraestruturas ou equipamentos de uso público
- María José Gómez lembrou os traballos de acolchado de palla realizados nas áreas máis críticas para frear a erosión, así como as axudas aprobadas xa a día de hoxe por valor de 3,7 M€ para explotacións agrícolas, gandeiras e forestais afectadas
A Xunta de Galicia e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil impulsarán a creación dunha comisión técnica para coordinar actuacións de prevención e protección nas zonas afectadas polos incendios do verán localizadas nos concellos desta bacía, que abrangue gran parte dos ríos da provincia de Ourense e algúns da de Lugo.
Así se acordou esta mañá no marco da reunión por videoconferencia que mantiveron as conselleiras de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e do Medio Rural, María José Gómez, co presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, e alcaldes de 16 concellos afectados polos lumes e que forman parte da demarcación Miño-Sil —Avión, O Barco, Beade, Cartelle, Chandrexa de Queixa, Cualedro, Folgoso do Courel, Larouco, Laza, Pantón, Paradela, Ribadavia, O Saviñao, Sober, Trasmiras e Vilariño de Conso—.
Tras lembrar que a Xunta se puxo desde o principio á disposición do organismo de conca estatal, informando das actuacións realizadas por Augas de Galicia na bacía da súa competencia e ofrecendo axuda e asesoramento, Ángeles Vázquez e María José Gómez subliñaron a importancia desta reunión, lembrando que nas últimas semanas alcaldes sobre todo da provincia de Ourense manifestaron a súa inquedanza ante os problemas detectados nalgunhas captacións de auga polo arrastre de cinsas á bacía Miño-Sil.
Precisamente en resposta a esa preocupación e para garantir unha acción coordinada, o obxectivo da futura comisión técnica será o de planificar accións conxuntas por parte das distintas administracións implicadas (cada unha no marco das súas respectivas competencias) para protexer os ríos desta bacía do impacto dos incendios deste verán.
Con tal fin, acordouse que a comisión conte con representación por parte das direccións xerais de Patrimonio Natural e de Montes, do organismo hidráulico autonómico Augas de Galicia, da CHMS e dos concellos de Ourense e de Lugo que forman parte da demarcación Miño-Sil.
Tras volver a ofrecer a colaboración técnica da Xunta tanto coa confederación hidrográfica como coas administracións locais máis afectadas nestas provincias na protección das canles fluviais, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático puxo en valor o traballo rápido e eficaz realizado desde Augas de Galicia despois da vaga de incendios do verán. En concreto, explicou que desde finais do mes de agosto executou diferentes medidas orientadas a crear barreiras anticontaminación fronte ás cinsas e outro material nas contornas de Galicia-Costa, única conca de competencia autonómica.
Para a execución destas accións —enmarcadas no programa de conservación e mantemento fluvial de Augas de Galicia, cun orzamento de 2,7 millóns de euros este ano e que garante unha capacidade de resposta inmediata ante situacións excepcionais—, recorreuse principalmente á instalación de cordóns vexetais ou barreiras con elementos de madeira, aproveitando o propio material queimado dispoñible en cada zona para evitar posibles arrastres en puntos con pendente e reducir a velocidade da auga.
En total, tal e como trasladou a conselleira, o organismo de conca autonómico executou estes labores preventivos e de protección fluvial en zonas queimadas dos concellos de Ponteceso, Lousame, Toques, A Estrada, Agolada, Meaño, Vilaboa e Barreiros.
Neste sentido e tendo en conta que a meirande parte dos concellos pertencentes á conca Miño-Sil son ourensáns (de feito, 11 dos 16 rexedores participantes na reunión de hoxe eran desta provincia), Ángeles Vázquez salientou o esforzo que realizará o próximo ano nesta provincia Augas de Galicia, con proxectos e infraestruturas hidráulicas comprometidas por un investimento estimado en 11 millóns de euros, dos cales 8,5 millóns xa están planificados.
Plan de alimentación e de voluntariado
A maiores, a conselleira subliñou tamén que o seu departamento actuou sobre o terreo cun plan de alimentación ás poboacións de herbívoros (principalmente grandes ungulados) e aves das zonas máis afectadas. Esta medida viuse complementada durante as fins de semana de outubro e a primeira de novembro cun plan especial de voluntariado deseñado para actuar en concellos ourensáns danados polos incendios do verán e que contaban con superficie afectada en espazos naturais protexidos.
A través destas dúas actuacións procedeuse ao reparto —manual no caso das zonas accesibles a pé e aéreo para poder chegar a puntos cunha orografía máis complicada— dun total de 214,5 toneladas de palla, herba, cereais e sal, mobilizouse a uns 500 voluntarios, sen contar ao persoal propio da Xunta, e investíronse máis de 415.000 euros.
Loita contra erosión nas zonas críticas
Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo en valor os traballos de acolchado de palla (técnica coñecida como mulching) realizados nas áreas máis críticas danadas polos lumes, co fin de restaurar as zonas queimadas para protexer o solo da erosión e evitar escorreduras. Estas áreas foron identificadas en colaboración co CSIC, remarcou Gómez, quen tamén trasladou que xa se actuou en máis de 71 hectáreas, utilizando preto de 260 toneladas de palla.
Asemade, fixéronse labores de limpeza, adecuación de cunetas e reparación de pasos de auga en case 38 quilómetros lineais nestas zonas e trabállase tamén na retirada de madeira queimada dos montes de xestión pública, para evitar riscos fitosanitarios e favorecer un aproveitamento ordenado dos recursos forestais, asegurando a recuperación dos terreos dun xeito sustentable.
A previsión, subliñou a conselleira, é seguir actuando na meirande parte dos grandes incendios forestais rexistrados en Ourense e os labores inclúen intervencións desde helicóptero (helimulching), para chegar ás zonas de difícil acceso. Neste sentido, lembrou tamén que a aeronave empregada con este fin ten a súa base no Barco de Valdeorras e centra a súa actividade na provincia ourensá.
Neste contexto, Gómez resaltou tamén o reforzo en prevención de incendios que está desenvolvendo a Xunta no marco do vindeiro convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e coa empresa pública Seaga para intensificar os labores de xestión de biomasa nas faixas secundarias, próximas ás vivendas, duplicando o orzamento ata chegar aos 25 millóns de euros.
Liñas de axudas
A maiores destas actuacións sobre o terreo complementáronse co paquete de axudas aprobado polo Goberno galego para impulsar a reconstrución das zonas afectadas e que ao non ter límite orzamentario, garante que todas as persoas ou entidades que teñan dereito a elas, as vaian recibir.
No caso da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez explicou que, ata o momento, xa se resolveron 14 das 16 subvencións solicitadas por concellos ou mancomunidades de montes para restaurar infraestruturas de uso público (sinais, carteis, miradoiros, pasarelas, varandas…) afectadas polo lume dentro da Rede galega de espazos protexidos e en Reservas de biosfera. Ademais, os titulares de 55 Tecores tamén recibirán financiamento para cubrir os gastos de sementeira de cereais en terreos afectados e para reparar e repoñer instalacións danadas (refuxios, comedoiros para animais, cercados…). O importe total das axudas resoltas por parte de Medio Ambiente a día de hoxe ascende a máis de 905.000 euros.
Por parte da Consellería do Medio Rural, Gómez destacou o importante esforzo económico desenvolvido polo seu departamento, que leva aprobadas a día de hoxe axudas por valor de 3,7 millóns de euros para explotacións agrícolas, gandeiras e forestais afectadas polos incendios, unhas achegas que -trasladou- poden chegar mesmo ata os 200.000 euros por beneficiario nunha única liña.
Por último, cómpre lembrar que un total de 46 concellos recibirán axudas polos danos ocasionados polos incendios deste verán por un importe global de 5 millóns de euros. Con tal fin, asináronse outros tantos convenios entre a Xunta e as administracións locais correspondentes (35 delas da provincia de Ourense) e as achegas poderán destinarse tanto a cubrir os danos sufridos nos bens municipais como os gastos derivados das actuacións realizadas polos concellos e pola propia veciñanza que colaborou na extinción.

