HomeXunta de GaliciaA Xunta e a dirección de mercados de carbono da Comisión Europea...

A Xunta e a dirección de mercados de carbono da Comisión Europea analizan as oportunidades para Galicia do Fondo Social para o Clima

- Anuncio -spot_img
  • Esta iniciativa ten previsto mobilizar ao redor de 86.700 M€ de financiamento público durante o período 2026-2032, procedentes das poxas do Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión e de fondos dos Estados membros
  • Ángeles Vázquez mostra especial interese no papel que as administracións locais e rexionais neste programa que ten como obxectivo garantir unha transición enerxética xusta

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, analizou hoxe coa directora de Mercados de Carbono e Mobilidade Sostible da Dirección Xeral polo Clima da Comisión Europea, Beatriz Yordi, as oportunidades que podería ter para Galicia o Fondo Social para o Clima.

Durante unha reunión telemática que mantiveron esta tarde, e na que tamén participou o secretario xeral Técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Javier Abad, a representante comunitaria explicou que esta iniciativa ten previsto mobilizar ao redor de 86.700 millóns de euros de financiamento público durante o período 2026-2032, procedentes das poxas do Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión e dos Estados membros, que deberán cofinanciar o programa nun 25% a través dos seus Plans Sociais polo Clima.

Ángeles Vázquez mostrou especial interese no papel das administracións locais e rexionais neste programa, que ten como obxectivo garantir unha transición enerxética xusta a través do apoio a proxectos que permitan levar a cabo actuacións de eficiencia enerxética e renovación de inmobles, facilitar a mobilidade e o transporte de baixas emisións e proporcionar apoio directo temporal á renda dos fogares vulnerables.

Deste xeito, aínda que son os Estados membros os que deben presentar os Plans Sociais polo Clima á Comisión Europea antes de finais de xuño de 2025, tamén está previsto desenvolver unha consulta pública previa na que as autoridades locais e rexionais terán a consideración de partes interesadas de cara a identificar as medidas e investimentos máis axeitados para desenvolver nos seus territorios.

Nesa liña, a conselleira subliñou a oportunidade que supón esta iniciativa para obter financiamento para accións a prol de entidades de economía social vinculadas ao Plan de xestión de residuos municipais de Galicia (PXRMG 2030).

O Fondo Social para o Clima forma parte do paquete lexislativo Fit for 55 que implementa o Pacto Verde Europeo. Nese senso, pretende contribuír á acadar os obxectivos climáticos da Comisión Europea de cara a 2030 axudando a descarbonizar o sector do transporte, mellorando o rendemento medioambiental e enerxético dos edificios, combatendo a pobreza enerxética, apoiando o crecemento económico sostible e creando emprego verde.

Publicacións Relacionadas