HomeXunta de GaliciaA Xunta e a Fiscalía de Galicia sinan un convenio de colaboración...

A Xunta e a Fiscalía de Galicia sinan un convenio de colaboración para reforzar a coordinación institucional fronte á sinistralidade laboral

- Anuncio -spot_img

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, asinaron esta mañá un convenio de colaboración entre a Xunta e o Ministerio Fiscal para o establecemento de canles de comunicación e protocolos de actuación efectivos en materia de seguridade e saúde laboral. No acto tamén estivo presente o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández.

Concretamente, o obxectivo do acordo é reforzar a coordinación institucional e mellorar a eficacia na prevención, investigación e persecución dos delitos relacionados coa seguridade e saúde das persoas traballadoras, especialmente no caso de sinistros laborais con resultado de morte ou lesións graves con posible transcendencia penal, comprometéndose a cooperar de maneira activa para garantir que as actuacións sexan tratadas con axilidade, rigor e eficacia.

O convenio establece un marco estable de colaboración entre a Xunta de Galicia —a través da Consellería de Emprego, en calidade de Autoridade Laboral, e do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga)— e a Fiscalía, establecendo canles de comunicación recíprocas que permitirán intercambiar información clave en relación cos accidentes laborais máis graves, así como sobre infraccións administrativas que poidan derivar en responsabilidades penais. Ademais, busca evitar dilacións e garantir que as probas se preserven en condicións óptimas para a súa eventual utilización xudicial.

Por parte da Fiscalía, establécese o compromiso de informar á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración sobre as actuacións derivadas da documentación remitida polas autoridades laborais, tales como a incoación de dilixencias, o arquivo de procedementos ou a interposición de denuncias. Respecto de procedementos xudiciais, tamén se notificarán a emisión de acusacións ou o ditado de sentenzas. Así mesmo, a Fiscalía facilitará datos estatísticos e informes anuais sobre a súa actividade neste eido, en coordinación coa Fiscalía Xeral do Estado.

A Xunta de Galicia, pola súa banda, comprométese a reforzar a cooperación técnica coa Fiscalía mediante a remisión de informes, o ofrecemento de formación especializada para fiscais en materia de prevención de riscos laborais e a posta a disposición de asesoramento técnico por parte do Issga. A Consellería organizará cursos formativos e xornadas técnicas anuais con participación de fiscais, xuíces, persoal inspector e responsables da Administración autonómica, co obxectivo de intercambiar coñecementos e boas prácticas.

O acordo tamén contempla que, en casos especialmente complexos, a Xunta facilitará a designación de persoal experto como peritos, mediante concertos con universidades galegas ou outras entidades especializadas. Así mesmo, promoveranse actuacións conxuntas de carácter divulgativo para informar á cidadanía sobre os dereitos en materia de seguridade laboral e as consecuencias legais do seu incumprimento.

Compromiso coa seguridade e a saúde laboral

A sinatura deste convenio representa un novo impulso na loita contra a sinistralidade laboral e reforza o compromiso institucional coa protección da saúde e a integridade das persoas traballadoras en Galicia. Trátase dun ámbito no que a comunidade conta con instrumentos consolidados e acordados co tecido social e empresarial. En termos estratéxicos, a Estratexia de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, cun orzamento global próximo aos 56 millóns de euros, constitúe a folla de ruta a medio prazo para o desenvolvemento das políticas do Goberno galego neste eido, que se concretan anualmente a través do plan de actuación do Issga.

Publicacións Relacionadas