HomeXunta de GaliciaA Xunta e a Fundación Repsol impulsan a creación literaria en galego...

A Xunta e a Fundación Repsol impulsan a creación literaria en galego co XIX Premio Narrativa Breve

- Anuncio -spot_img

— O representante da Consellería de Cultura salienta a “importante contribución” do certame á promoción de autores e da lectura na nosa lingua

— Este galardón, referente xa consolidado nas letras galegas, inclúe a publicación da novela coa Editorial Galaxia e está dotado cunha contía económica de 12.000 euros

— Case 600 obras se teñen presentado desde a súa posta en marcha hai case 20 anos

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e a directora do complexo industrial de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, anunciaron hoxe a nova convocatoria do XIX Premio Narrativa Breve, que a Xunta de Galicia promove xunto con esta entidade desde hai case vinte anos para impulsar a creación literaria en galego.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou a “importante contribución” deste certame para a promoción de novos escritores, ao tempo que puxo en valor a súa achega “á hora de fomentar a lectura na nosa lingua.” Ao respecto, fixo fincapé en que se trata dun galardón “consolidado e de prestixio, que conta con lectores fieis, ao tempo que sempre esperta interese, polo que atrae outros novos”.

Precisamente, lembrou que na nosa Comunidade se incrementou en case cinco puntos o número de persoas que len por lecer, ata acadar o 66,2 % “o que sitúa a Galicia por encima do conxunto da media do Estado”. Ademais, subliñou o dato de que o “63 % dos galegos e galegas asegura ler habitual ou ocasionalmente libros na nosa lingua”.

Prazo de envío ata o 31 de xullo
Nesta edición, a convocatoria para enviar as obras estará aberta ata o próximo 31 de xullo e os autores deberán remitir textos orixinais e escritos en galego, tal e como establece a normativa da Real Academia Galega, cunha extensión non inferior a 120.000 caracteres, con espazos incluídos, nin superior a 270.000 caracteres, tamén contando os espazos. Unha vez pechado o prazo, será un xurado o que decidirá a obra gañadora que se dará a coñecer no mes de setembro. Este tribunal estará composto por cinco membros, que representarán á Xunta de Galicia, á Fundación Repsol, á Real Academia Galega, á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e á Editorial Galaxia.

O Goberno galego colabora co Premio de Narrativa Breve desde o seu nacemento, no ano 2006, cando foi creado polo Complexo Industrial de Repsol, período no que ten rexistrado a participación de case 600 obras orixinais de escritores e escritoras galegas. Na anterior edición, resultou gañador, por segunda vez neste certame, Alberte Ramos coa súa novela Piroctenia, xa que en 2022 obtivera este galardón con Os corpos dos Romanov.

Esta iniciativa que fomenta a difusión da cultura e a lingua galegas, conta co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, así como a colaboración coa Editorial Galaxia, que sempre edita as obras que acadan o galardón.

Publicacións Relacionadas