- Ángeles Vázquez salienta os bos resultados acadados na Comunidade, cunha mellora constante das cifras de recuperación destes refugallos durante o período 2021-2024 e superando xa o obxectivo fixado neste eido a nivel nacional para o ano 2025
- Insiste na necesidade de traballar da man da entidade e dos propios concellos para seguir avanzando na recollida separada, apostando pola sensibilización cidadá
- Lembra que este é o terceiro convenio que subscribe o seu departamento cun Sistema colectivo de responsabilidade ampliada do produtor (SCRAP) para facilitar a xestión responsable e separada das diferentes fraccións de residuos domésticos
A Xunta de Galicia e Ecovidrio, o Sistema colectivo de responsabilidade ampliada do produtor (SCRAP) especializado na xestión deste tipo de envases en España, reforzarán a súa colaboración nos vindeiros anos co obxectivo de afianzar a posición de liderado que ocupa Galicia a nivel nacional en canto á reciclaxe de vidro, cunha taxa que supera xa actualmente o 80%.
Con tal fin, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o director xeral de Ecovidrio, José Manuel Núñez, asinaron esta mañá un novo convenio marco de colaboración no que se fixan as obrigas de cada unha das partes así como a folla de ruta a seguir para que Galicia avance nos principios da economía circular e no cumprimento dos obxectivos do Real decreto de envases e residuos de envases.
A Comunidade, en todo caso, ten un bo punto de partida á vista dos últimos datos dispoñibles. Así, tal e como sinalou a conselleira, a reciclaxe de vidro en Galicia mantivo unha evolución positiva e sostida neste eido entre os anos 2021 e 2024, con taxas que se moveron entre o 80% e o 86% e que, polo tanto, superan con moito o obxectivo mínimo do 70% fixado a nivel nacional para este 2025.
Con este novo convenio —con vixencia inicial de catro anos pero posibilidade de prórroga—, a Xunta aspira a consolidar estas cifras e a posición galega á cabeza do país en canto a recuperación de envases de vidro, co reto de chegar a 2030 cunha taxa de recuperación consolidada superior ao 80%.
Por iso, e a pesar do progreso observado en Galicia durante o período 2021-2024, a responsable autonómica insistiu en que hai que seguir traballando para afianzar e mellorar os datos e lembrou que nese mesmo período a taxa de recollida separada deste tipo de envases experimentou unha lixeira diminución.
Así, explicou que o convenio asinado hoxe será unha ferramenta efectiva para acadar os obxectivos que fixa a lexislación europea en materia de xestión de residuos e circularidade, e se enmarca, ademais, no Plan de acción 2025-2030 promovido por Ecovidrio, no que se reforzan a sensibilización cidadá, sobre todo entre a xuventude, e a recollida selectiva destes envases a través do reforzo da contenerización e da aplicación da tecnoloxía para adaptar os modelos de recollida á realidade de cada municipio.
Por último, Ángeles Vázquez lembrou que con este son xa tres os convenios que subscribe a Consellería no que vai de ano cos SCRAP (os anteriores foron cos xestores de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos e cos de pilas e acumuladores).
Neste sentido, subliñou a importancia da colaboración público-privada para facilitar a xestión responsable e separada das diferentes fraccións de residuos domésticos, da man tamén das entidades locais, ás que animou a adherirse voluntariamente ao convenio marco para a xestión dos envases de vidro xa que ofrece melloras significativas respecto ao anterior e un aumento das compensacións que reciben os concellos polo vidro.
Recuperación de envases en Galicia en 2024
Durante o pasado ano 2024, a recollida selectiva de envases de vidro en Galicia alcanzou as 47.033 toneladas. Segundo estes datos, cada galego depositou, de media, 17,4 kg de envases de vidro no contedor verde, o equivalente a 60 envases por persoa. Por provincias, A Coruña liderou a aportación cidadá á recollida selectiva de vidro, con 17,8 kg/hab; seguida de Pontevedra (16,1 kg/hab), Ourense (14,8 kg/hab.) e Lugo (14,6 kg/hab).
Cómpre salientar o caso de Santiago de Compostela, que coa recollida de 28,3 quilogramos por habitante mellora lixeiramente as súas cifras do ano anterior e se sitúa entre as tres capitais máis recicladoras de toda España, só por detrás de San Sebastián (38,3 kg/hab) e Pamplona (31 kg/hab).
Esta recollida selectiva é posible grazas á ampla rede de contedores verdes que a cidadanía ten á súa disposición en Galicia. Nestes momentos hai 18.742 iglús verdes repartidos por toda a Comunidade, aínda que esta cifra se incrementa cada ano.