HomePontevedraBarroA Xunta e o concello de Barro destinan 3,7 M€ á á...

A Xunta e o concello de Barro destinan 3,7 M€ á á construción dunha nova estación depuradora de augas residuais para mellorar o saneamento na localidade

- Anuncio -spot_img
  • Ángeles Vázquez explica que esta nova infraestrutura, que se prevé que estea rematada no segundo semestre do próximo ano, dará servizo a unha poboación equivalente de 2.631 habitantes con horizonte no ano 2044
  • Lembra que aínda que a prestación dos servizos de saneamento son unha responsabilidade de competencia municipal, a Xunta leva anos prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten
  • Esta actuación será financiada con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea-NextGenerationUE

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández, asinaron hoxe o convenio de colaboración para destinar 3,7 millóns de euros á construción dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) para mellorar o saneamento na localidade.

Segundo explicou a conselleira, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, esta nova infraestrutura, que se prevé que estea rematada no segundo semestre do próximo ano, permitirá dar servizo a unha poboación equivalente de 2.631 habitantes no horizonte do ano 2044.

Para acometer esta actuación, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, aportará o 80% do orzamento necesario e a Administración local, o 20% restante. Cómpre indicar que este proxecto será financiado con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea-NextGenerationUE.

En concreto, a nova EDAR constará dos seguintes procesos: pretratamento, composto por desbaste e desareado-desengraxado; tratamento biolóxico; decantación secundaria e tratamento de lodos. Tamén se inclúe na actuación o edificio de explotación e instalacións auxiliares como desodorización, auga industrial e centro de control.

A maiores, executarase un bombeo, a prolongación da rede de saneamento para a conexión da nova estación depuradora, urbanización e acceso ás novas instalacións, dotación de servizos de subministración e as infraestruturas necesarias para completar o sistema de depuración municipal.

Colaboración coas administracións locais

Coa sinatura deste convenio, Augas de Galicia avanza na colaboración cos concellos para contribuír a profesionalizar a xestión da auga, garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e das rías de Galicia e a mellorar a calidade duns servizos que son básicos para a cidadanía. Tal e como lembrou a conselleira, aínda que a prestación dos servizos de saneamento son unha responsabilidade de competencia municipal, a Xunta leva anos prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten.

Esta liña de colaboración viuse reforzada coa Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, aprobada no ano 2022 e que desenvolve ferramentas de apoio aos municipios en materia de depuración e saneamento ante as dificultades técnicas e financeiras que teñen algúns deles para asumilo, facilitando que este servizo se poida prestar directamente pola Xunta mediante un sistema de adhesión voluntario.

Entre os obxectivos xerais que establece a devandita normativa inclúese a mellora e innovación na xestión do ciclo integral da auga e nas tecnoloxías aplicables para incrementar a eficiencia no uso e na protección dos recursos hídricos, coa utilización das mellores técnicas dispoñibles.

Ademais, Augas de Galicia tamén colabora cos concellos tanto na realización dos labores de mantemento e reparación axeitados para protexer as infraestruturas existentes e conservalas nas condicións óptimas para a prestación dos servizos como na reposición das infraestruturas vinculadas á xestión do ciclo integral da auga cando esgoten a súa vida útil.

Nesa liña, Augas de Galicia conta este ano 2025 cun orzamento de 144 millóns de euros, un 5% máis que o exercicio anterior, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.

Publicacións Relacionadas