HomeTabeirósCerdedo - CotobadeA Xunta e o concello de Cerdedo-Cotobade colaboran na posta en marcha...

A Xunta e o concello de Cerdedo-Cotobade colaboran na posta en marcha desde o próximoluns de dúas liñas de autobús que atenderán ao alumnado dos institutos da Xunqueira de Pontevedra

- Anuncio -spot_img

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, formalizaron o convenio de colaboración para habilitar desde o próximo luns, 8 de setembro, dúas liñas de autobús que facilitarán os desprazamentos do alumnado do municipio que estudan nos institutos da Xunqueira, en Pontevedra. Durante o acto tamén estivo presente a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela.

Deste xeito, o convenio permite activar os servizos de interese municipal (SIMU) durante a tempada lectiva e poñer en marcha estas liñas ao longo do curso escolar coa posibilidade de prórroga.

Unha das novas liñas funcionará de luns a venres durante a tempada escolar e ofrecerá un servizo de ida e outro de volta. Na ida, a liña sairá ás 07,10 horas do lugar de Dorna e realizará as paradas de Viladeabaixo (Sta. Mª Sacos), San Xurxo, Alonga (S. Xurxo Sacos), Mallo, Tenorio (centros educativos), Calvelo (Tenorio), Ponte Bora (ITV), A Paloma e Avda. de Compostela (A Xunqueira).

Ao remate da xornada lectiva, o servizo de volta sairá ás 15,10 horas da Avenida de Compostela (A Xunqueira) ata a parada Tenorio (centros educativos). Nese punto, os usuarios que o precisen poderán enlazar co transporte integrado do CEIP de Tenorio e do IES de Cotobade para completar as súas viaxes.

Ademais, o convenio SIMU activa para os martes pola tarde unha liña desde a parada Ponte Bora (ITV) ata Carballedo que permitirá transbordar aos usuarios do servizo de volta dos institutos. Desde esa parada, ás 15,20 horas sairá o autobús que realizará as paradas de Bora (O Valo), Bora (Quinteiro), Vilanova, Xesteira, Borela (cruce), Pazos, Lagoas, Pozo Negro, Carballedo (piscifactoría) e Carballedo (Chan).

O obxectivo destes servizos SIMU é complementar a oferta de servizos que presta o transporte público autonómico para atender as necesidades específicas de Cerdedo-Cotobade, contribuír á redución do uso de vehículos particulares e fomentar a mobilidade sustentable.

Os servizos do convenio SIMU incluiranse nas concesións que xa operan no marco do Plan de Transporte Público de Galicia. Neste caso, o servizo será prestado pola UTE X-835 sureste da comarca de Pontevedra. Polo tanto, aplicaranse os descontos e bonificacións activos en todo o transporte público autonómico, polo que os menores de 21 anos poden realizar 60 viaxes ao mes de maneira gratuíta coa Tarxeta Xente Nova, e todas as persoas maiores de 65 anos con tarxeta Transporte de Mobilidade de Galicia (TMG) viaxan de balde grazas á tarifa +65.

A información actualizada sobre os servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Publicacións Relacionadas