A intervención, que dará servizo a unha ducia de vivendas localizadas nesta zona, enmárcase nun proxecto municipal para a mellora e ampliación integral da rede actual
A Xunta e o Concello de Mos colaborarán na execución da futura rede de saneamento do camiño da Torroeira, na parroquia de Louredo, unha actuación á que ambas administracións destinarán un total de 125.448,4 euros.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, asinaron esta mañá o convenio en virtude do cal a entidade pública empresarial Augas de Galicia e o concello pontevedrés se comprometen a dotar de saneamento municipal a un total de 12 vivendas localizadas nesta zona e unha poboación beneficiada estimada de 48 habitantes.
A nivel técnico, a actuación proxectada no camiño da Torroeira funcionará por gravidade ata a súa conexión co pozo existente próximo á estrada N-550 e compoñerase dun só ramal de aproximadamente 280 metros de lonxitude.
Tras subliñar o compromiso do Goberno galego con esta actuación —cofinanciada con fondos europeos do Feader e na que a Xunta asumirá o 80% do importe de execución e o Concello de Mos o 20% restante— a conselleira incidiu en que con convenios como o asinado hoxe a Xunta demostra o seu compromiso de apoio aos concellos para que poidan exercer as súas competencias en materia de augas do xeito máis eficiente e garantindo o acceso da súa veciñanza a servizos de calidade.
Aínda que o saneamento e o abastecemento son unha responsabilidade municipal, a Xunta leva anos prestando a súa colaboración técnica e financeira ás entidades locais que a necesiten, especialmente a aquelas máis pequenas, no marco dunha estratexia coa que busca ofrecer unha alternativa de xestión autonómica dos servizos da auga.
De feito, o orzamento de Augas de Galicia para 2025 ascende a 144 millóns de euros, dos que 73 millóns se destinarán á mellora das infraestruturas do ciclo da auga para seguir apoiando aos concellos no exercicio das súas competencias neste eido e facer un uso eficiente dos recursos para reducir a pegada hídrica no conxunto da comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento.
Cómpre lembrar que os traballos obxecto do convenio asinado esta mañá se enmarcan nun proxecto do Concello de Mos para a mellora e ampliación integral da rede de saneamento existente, que abranguería varias parroquias, ademais da de Louredo.
Neste sentido, Augas de Galicia ten baixo supervisión técnica outros dous proxectos para conectar distintas zonas do municipio á rede, actuacións que poderían ser susceptibles de futuros convenios de colaboración entre ambas administracións sempre e cando se conseguiran máis fondos europeos.