- Augas de Galicia asumirá a elaboración do proxecto para renovar as tubaxes de distribución existentes entre a estación de tratamento de auga potable de Landrove e a estrada LU-540 para o abastecemento dos núcleos de poboación próximos
- Ángeles Vázquez e María Gueimunde coinciden na necesidade de axilizar a sinatura do convenio para a execución de melloras estruturais coas que reducir o risco de inundación na contorna do río Fontecova
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Viveiro, María Gueimunde, mantiveron hoxe un encontro no que analizaron as posibilidades de avanzar en distintos proxectos relacionados coa xestión da auga no municipio como a mellora das redes de abastecemento e saneamento ou medidas para facer fronte ás inundacións.
Entre as necesidades trasladadas polo Goberno municipal está a renovación das tubaxes de distribución existentes entre a estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Landrove e a estrada LU-540 para o abastecemento dos núcleos de poboación próximos. Neste sentido, a rexedora trasladou que o anterior Executivo local non chegou a elaborar o proxecto necesario para realizar esta actuación, polo que pediu apoio á Xunta co fin de axilizar as xestións e poder intervir na zona o antes posible.
A conselleira comprometeuse coa alcaldesa a que Augas de Galicia asumirá a elaboración do proxecto co fin de seleccionar a mellor opción desde o punto de vista técnico e despois colaborará tamén na súa execución. De feito, o fin último é contar canto antes con este documento co detalle dos traballos necesarios na zona así como do investimento asociado para despois proceder á licitación do correspondente contrato.
Nesta liña, as partes tamén abordaron a importancia de seguir mellorando o estado da rede de saneamento de augas residuais no concello mediante a redución das entradas de auga de mar no sistema así como os aportes procedentes de establecementos de carácter industrial. A mellora neste eido, coincidiron, contribuirá a avanzar no cumprimento da normativa vixente en materia de xestión dos recursos hidráulicos.
A conselleira e a alcaldesa tamén concordaron na necesidade de axilizar, na medida do posible, a sinatura do convenio a tres bandas -Xunta, Concello e Deputación de Lugo- para a execución de melloras estruturais coas que reducir o risco de inundación na contorna do río Fontecova. O fin último é mellorar a capacidade hidráulica do leito do río nun tramo de 280 metros de lonxitude que conta cunha importante presión urbana a ambas marxes, rexistrándose asolagamentos nos momentos de fortes precipitacións que afectan ás vivendas situadas no núcleo da Tafona.
O convenio, que xa foi autorizado polo Consello da Xunta e conta co cofinciamento da Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia-NextGeneration, suma un orzamento de preto dun millón de euros do que o Executivo galego aportaría 600.000 euros e o Concello algo máis de 190.000 euros.
Os traballos está previsto que se desenvolvan entre este ano e o próximo e céntranse na área de risco potencial significativo de inundación (Arpsi) do río Fontecova, unha zona de algo máis de 11 quilómetros de lonxitude.
Ángeles Vázquez trasladoulle a María Gueimunde a vontade da Xunta de seguir prestando apoio técnico e económicos aos concellos para que poidan exercer as súas competencias en materia de abastecemento e saneamento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza. Neste sentido, Augas de Galicia investiu desde 2009 máis de 9 millóns de euros en distintas actuacións de mellora das infraestruturas de xestión da auga de Viveiro.