HomeXunta de GaliciaA Xunta e os concellos afectados polos ataques do lobo solicitarán á...

A Xunta e os concellos afectados polos ataques do lobo solicitarán á xustiza o levantamento da suspensión das medidas para o control desta especie

- Anuncio -spot_img

— Ángeles Vázquez avanza que o seu departamento trasladará ao TSXG os escritos de denuncia presentados por asociacións veciñais e entidades locais ante o incremento dos avisos e a súa afectación ás explotación gandeiras

— Espera que a Xustiza se pronuncie sobre o recurso presentado polo Goberno galego contra o auto que paraliza a aplicación dese plan e impide autorizar medidas de control sobre esta especie

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta de Galicia e os concellos afectados por ataques de lobo solicitarán ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o levantamento da suspensión das medidas para o control desta especie.

Nese senso, a conselleira reuniuse esta mañá co alcalde de Curtis, Javier Caínzos, e coa concelleira de Mobilidade e Seguridade, María do Carme Pieltain, dous dos concellos, xunto co de Cerdedo-Cotobade, desde o que se presentaron escritos nos que se denuncia unha escalada dos ataques do lobo, afectando tanto á viabilidade das explotacións gandeiras como á vida cotiá da cidadanía ao producirse cada vez máis cerca de núcleos de poboación.

En concreto, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático trasladará ao TSXG cadanseu documento dos concellos de Curtis e Cerdedo-Cotobade sinalando o número de avisos rexistrados no seu termo municipal. E, a maiores, tamén o remitido pola Asociación de veciños de Viladóniga-Vilasanche, de Ferrol, onde, tal e como dixo a conselleira, se pon de manifesto a “preocupación” da veciñanza.

Nesa liña, Ángeles Vázquez informou que o seu departamento solicitará ao TSXG o levantamento da suspensión da resolución que establece as medidas de control por danos causados polo lobo. Cómpre lembrar que, unha vez que o lobo ao norte do Douro foi retirado do Listado de especies silvestres en réxime de protección especial en marzo de 2025, a Xunta retomou o plan de xestión desta especie que estaba vixente ata 2021 -cando se incluíu no Lesrpe- e que permite medidas de control en casos moi concretos.

Así, con esta nova información, a Xunta espera que a Xustiza se pronuncie sobre o recurso presentado polo Goberno galego contra o auto que paraliza a aplicación dese plan e impide autorizar medidas de control sobre esta especie.

Publicacións Relacionadas