HomeXunta de GaliciaA Xunta e Ufedega traballarán da man na elaboración dun plan de...

A Xunta e Ufedega traballarán da man na elaboración dun plan de medidas para loitar contra a violencia no deporte

- Anuncio -spot_img
  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, mantivo unha primeira reunión para abordar esta iniciativa con representantes da xunta directiva da entidade, que representa ás federacións deportivas da comunidade
  • Destacou que este novo plan súmase á intención da Xunta de modificar a Lei do Deporte para introducir a acción popular en procesos penais por violencia no deporte
  • O Goberno galego continuará coa aplicación de medidas xa vixentes como o ‘Protocolo de protección dos nenos, nenas e adolescentes fronte á violencia no deporte en Galicia’ e reforzará o traballo da Comisión Galega de Control da Violencia

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo hoxe unha reunión de traballo con representantes da xunta directiva de Unión de Federacións Deportivas Galegas (Ufedega), para traballar xuntos na posta en marcha dun plan de medidas coas que loitar contra a violencia no deporte. O encontro de hoxe foi unha primeira toma de contacto para iniciar o traballo conxunto nos próximos meses e en consenso coas federacións deportivas e, posteriormente, daranse a coñecer as medidas que se pretenden aplicar co obxectivo de poñelas en marcha nas competicións organizadas polas distintas entidades adaptándoas ás características de cada caso.

Na reunión tamén se lles trasladou ás federacións que estas medidas sumaranse ao traballo que está a levar a cabo o Goberno galego na loita contra as condutas violentas no ámbito deportivo. Nesta liña, lembroulles a intención do Goberno galego de modificar a Lei 3/2012 do deporte de Galicia para que a Administración autonómica poida exercer a acción popular nos procedementos penais por violencia no deporte, nas condicións fixadas na lexislación procesual.

Esta medida supón, de feito, un paso máis nas actuacións da Xunta contra a lacra da violencia no deporte con medidas xa vixentes como o pioneiro Protocolo de protección de nenos, nenas e adolescentes fronte á violencia no deporte en Galicia, posto en marcha o ano pasado, e en cuxa elaboración colaborou Ufedega.

Este protocolo foi unha medida pioneira no Estado, de obrigado cumprimento para todos os centros que realicen actividades deportivas na comunidade e extensible polo tanto a todas as federacións e clubs no marco Lei Orgánica de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia. Ufedega inclúe precisamente no seu programa formativo xornadas sobre esta norma para os delegados de protección de entidades deportivas, como as celebradas o ano pasado.

O conselleiro de Deportes destacou que se seguirá reforzando esa formación e tamén o traballo da Comisión Galega de Control da Violencia para dar resposta ás denuncias e incidentes nas competicións deportivas oficiais no ámbito autonómico, provincial, zonal ou local co obxectivo de que ningún suceso violento quede impune. Ademais, engadiu a necesidade de mandar unha mensaxe clara de tolerancia cero fronte a calquera conducta violenta no deporte e apelou á responsabilidade de clubs, entidades deportivas e federacións, así como ás persoas organizadoras de competicións e espectáculos, para salvagardar os valores esenciais no deporte.

Diego Calvo puxo en valor o papel de Ufedega e das respectivas federacións como actores principais na promoción do deporte federado galego e no desenvolvemento das distintas modalidades e especialidades deportivas.

Publicacións Relacionadas