HomeA CoruñaA Xunta emite declaración de impacto ambiental favorable sobre o proxecto para...

A Xunta emite declaración de impacto ambiental favorable sobre o proxecto para unha nova planta de residuos de construción no concello de Mazaricos

- Anuncio -spot_img

— A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran os condicionantes fixados no propio informe autonómico e na documentación avaliada

— A instalación requirirá da construción dunha lousa de formigón de 180 m2 na que se localizará unha planta móbil para reciclar ou valorar este tipo de refugallos

A Xunta ditou declaración de impacto ambiental (DIA) favorable sobre unha planta de valorización de residuos de construción e demolición no concello de Mazaricos, condicionada, en todo caso, a que se cumpran tanto o recollido no estudo de impacto ambiental e no resto da documentación avaliada, como os condicionantes e o programa de vixilancia que figuran na presente DIA.
Así consta na resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que conclúe que, tendo en conta todo o anterior, esta iniciativa empresarial, promovida por Excavaciones Yoni Tuñas SL, é ambientalmente viable.

Neste sentido, a DIA foi elaborada no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria do proxecto, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, cun resultado de seis organismos consultados e sen que se recibira ningunha alegación ao expediente.

Froito das consultas realizadas, a maioría dos informes emitidos realizaron a valoración correspondente e estableceron unha serie de condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

Neste sentido, todos os organismos consultados consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; augas e leitos fluviais; xestión de residuos ou protección da fauna, vexetación e hábitats, entre outros.

Unha vez emitida esta declaración, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitirase a resolución ao órgano substantivo e daráselle publicidade a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería.
A instalación localizarase nunha parcela na parroquia das Maroñas e tal e como consta no estudo de impacto ambiental presentado polo promotor, para a súa posta en marcha será necesario construír unha lousa de formigón de 180 m2 de superficie.

A xestión dos residuos non perigosos de construción e demolición realizarase de dúas formas diferentes. A primeira, e tamén a máis común, farase no propio lugar das obras, utilizando con tal fin unha pequena planta móbil (machacadora) para valorizalos e reutilizalos de forma inmediata in situ como material de recheo. A segunda, para a que se utilizará a planta obxecto de avaliación ambiental, permitirá reciclar ou valorar os residuos sobrantes coa mesma machacadora móbil localizada na parcela formigonada, onde tamén serán almacenados para a súa posterior reutilización.

Importancia da declaración de impacto ambiental

Cómpre lembrar que o obxectivo dunha DIA é avaliar a integración dos aspectos ambientais de cada proxecto e determinar as condicións que deben establecerse para a adecuada protección do territorio e dos recursos naturais tanto durante a execución e explotación como no cese ou desmantelamento das distintas iniciativas.

De feito, calquera proxecto industrial ten un impacto no territorio, pero os seus efectos non poden ser significativos, polo que a DIA é o instrumento encargado de determinar como e de que xeito se poden minimizar, compensar ou mesmo restaurar as zonas afectadas pola súa posta en marcha e durante o seu funcionamento futuro.
Estamos ante un trámite do máis exixente como demostra o feito de que a maioría das declaracións ambientais favorables emitidas pola Xunta inclúen condicionantes xerais e particulares así como un plan de vixilancia que é de aplicación ao proxecto e cuxo seguimento corresponde ao órgano substantivo.

Publicacións Relacionadas