A Xunta enriquece a oferta de turismo cultural coa edición dun libro sobre a visita de Ruth Matilda Anderson a Galicia a comezos do século XX

adminON
Lectura mínima de 4
  • Xosé Merelles asinou un acordo de colaboración coa Hispanic Society of America polo que a entidade cede as fotografías realizadas pola artista norteamericana nas dúas visitas que fixo a Galicia nos anos 20 do S. XX para este traballo
  • O director de Turismo de Galicia tamén se reuniu hoxe con directivos do operador turístico Tauk Travel e do club de turismo premium Virtuoso para potenciar a comercialización do turismo galego en distintas contornas do mercado norteamericano

Turismo de Galicia editará o libro ‘A viaxe de Ruth, provincias galegas de España. Pontevedra e A Coruña’ coas fotografías realizadas por Ruth Matilda Anderson nas súas visitas a Galicia en 1924 e 1925. Así o recolle o acordo asinado hoxe entre o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o director executivo da Hispanic Society of America, Guillaume Kientz, entidade que custodia a colección fotográfica das expedicións realizadas por esta fotógrafa norteamericana.

Trala sinatura do acordo, o director de Turismo de Galicia tivo palabras de agradecemento para a institución que cedeu gratuitamente os materiais sen cobrar incluso polos dereitos de publicación. “Esta cesión ten un enorme valor xa que nesta colección de instantáneas gárdase parte do pasado, das costumes, das xentes e do modo de vida dunha xeración de galegos e galegas que nos axudan a entender a nosa historia”, subliñou, destacando a importancia que implica tamén seguir enriquecendo os recursos turísticos de carácter cultural do destino Galicia.

Ruth Matilda Anderson, fotógrafa norteamericana e conservadora na Hispanic Society of America, viaxou a Galicia en 1924 e 1925 co propósito de retratar a realidade da sociedade galega, protagonizada sobre todo por mulleres, antes da que parecía inminente industrialización do traballo cotiá.

Precisamente a Hispanic Society of America é a encargada de custodiar a obra de Ruth Matilda Anderson xunto con series de máis de 15.000 fotografías tomadas por conservadores e persoal da institución como foi o caso desta fotógrafa. A Hispanic Society of America foi fundada en 1904 co fin de crear un museo e biblioteca de investigación públicos e gratuítos para o estudo da arte a cultura de España e Latinoamérica. Os traballos que conserva documentan a arquitectura, as xentes e as costumes destes países.

No marco deste acordo, a Xunta de Galicia editará 400 exemplares deste libro e durante o proceso de produción será a Hispanic Society of America a que se encargue de asesorar na tradución e interpretación dos textos ilustrativos das fotografías.

O director de Turismo de Galicia ratificou este acordo no marco dunha visita institucional que está a realizar a Nova York co obxectivo de intensificar a promoción do destino Galicia no mercado norteamericano, considerado estratéxico para o sector turístico galego.

Este mesmo xoves ten previsto reunirse tamén con responsables da compañía Tauck Travel, un dos principais operadores estadounidenses especializados en itinerarios polas rutas xacobeas, para a promoción do turismo termal e do Camiño de Santiago. Xosé Merelles tamén se reunirá coa directiva do club de turismo premium Virtuoso, dedicado ao segmento de viaxes de alta gama e turismo de luxo.

Comparte este artigo