O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, fixo entrega de un kit de material específico de rescate en altura, seis arcóns, dous equipos de iluminación para áreas remotas e un xerador eléctrico
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, fixo entrega hoxe no hangar do Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) de diverso material destinado á ONG Busca e Rescate Integral en Emerxencias de Galicia (Briegal) para as súas actuacións.
Entre o material cedido inclúense un kit de material específico de rescate en altura con, entre outros elementos, padiola de rescate, bobina, saco autoportante, mochila para barrancos, portamaterial de cinta, aneis de cinta, mosquetóns, bloqueadores, arneses, descensores autofrenantes, poleas, cabos de anclaxe e placa multianclaxe ou anticaídas deslizante. Tamén se entregaron seis arcóns de transporte de material ruxerizado, dous equipos de iluminación para áreas remotas e un xerador eléctrico.
Cómpre destacar que a asociación Briegal forma parte desde o pasado maio do Rexistro de Entidades Colaboradoras de Protección Civil e así se recolle no convenio asinado hoxe a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.
Briegal é unha organización de axuda humanitaria e cooperación ao desenvolvemento especializada en actuacións ante emerxencias. Constituída por voluntarios de diferentes servizos profesionais como bombeiros, sanitarios e corpos de seguridade, ten por obxecto prestar axuda e rescate dende os primeiros minutos dunha catástrofe. Nesta liña, a Xunta xa donou á ONG o ano pasado equipamento da Consellería do Medio Rural destinado aos bombeiros de Perú que se enfrontaban aos incendios forestais neste país.
Por outra parte, a asociación foi unha das beneficiarias da resolución publicada o pasado xullo da orde de axudas para a execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos por axentes de cooperación. A Xunta destinou 150.000 euros a iniciativas de cinco entidades, entre elas Briegal, que recibiu case 30.000 euros para o fortalecemento transfronteirizo da xestión das emerxencias ante inundacións e riadas nas rexións do sur de Perú, coa participación de equipos de Bolivia.
Nesta liña, cómpre engadir que o Goberno galego incrementou este exercicio en máis do 10% o orzamento destinado á cooperación para o desenvolvemento ata preto dos 10M€, coa finalidade de reforzar proxectos de educación para o desenvolvemento, de axuda humanitaria e emerxencias, e de cooperación no exterior promovidos por ONGD e outros axentes.

