HomeXunta de GaliciaA Xunta entrega o Atlas da Paisaxe dos Camiños Xacobeos á Casa...

A Xunta entrega o Atlas da Paisaxe dos Camiños Xacobeos á Casa de Galicia en Madrid

- Anuncio -spot_img

 Ángeles Vázquez resalta tanto o seu valor cartográfico como a compilación de 83 ortofotos históricas e actuais que permiten comprobar a evolución da paisaxe pola que discorren as diferentes rutas ao longo dos últimos 50 anos


 Forma parte da Colección Paisaxe Galega, unha serie de publicacións que inclúe tamén un visor interactivo con 52 rutas en bicicleta e 12 guías monográficas

A Xunta entregou o Atlas da Paisaxe dos Camiños Xacobeos á Casa de Galicia en Madrid durante unha reunión que a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo co director da entidade, Juan Carlos Serrano.

Durante a reunión, a conselleira resaltou tanto o seu valor cartográfico como a compilación de 83 ortofotos históricas e actuais que permiten comprobar a evolución da paisaxe pola que discorren as diferentes rutas xacobeas ao longo dos últimos 50 anos.

Este atlas, que a conselleira cualificou como “unha publicación excepcional e de gran valor histórico”, inclúe 241 fotografías nun volume de 770 páxinas agrupados en 65 capítulos, nun formato único cunha narración a 4 páxinas en tres idiomas que, grazas ao fío condutor do Camiño de Santiago, permite coñecer as diferentes paisaxes galegas tanto naturais como construídas.

Deste xeito, segundo explicou a conselleira, este Atlas supón un traballo detallado que permite facer un percorrido visual polos 1.500 quilómetros de Camiño que temos na Comunidade e dar a coñecer e poñer en valor a riqueza paisaxística galega.

Cómpre salientar que este Atlas, realizado polo Instituto de Estudos do Territorio, vénse sumar á Colección Paisaxe Galega, unha serie de publicacións á que se destina un investimento de máis de 750.000 euros e que, xunto con este novo formato presentado hoxe, conta tamén un visor interactivo con 52 rutas en bicicleta, e 12 guías monográficas, así como outras 6 en elaboración. O seu obxectivo é protexer as diferentes formas de paisaxe existentes na Comunidade, impulsando a súa conservación e o seu mantemento e ofrecendo criterios para a planificación e deseño das futuras intervencións sobre o territorio poñendo o foco no fermosismo galego.

Publicacións Relacionadas