Perfecto Rodríguez lembrou que Galicia foi a primeira Comunidade Autónoma en contar cunha achega económica anual para os doentes
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, participou esta mañá no evento ‘Cangas Móvese pola ELA’, organizado por Agaela e que este ano celebra a súa décima edición. Esta xornada solidaria consta de tres probas deportivas: unha andaina, unha carreira e unha proba de natación.
Durante o acto, Perfecto Rodríguez puxo en valor o labor das entidades sociais que traballan a prol dos dereitos das persoas con ELA e contribúen a dar visibilidade a súa situación. Neste sentido, felicitou a Agaela polos avances logrados nos últimos anos e pola recente concesión da Medalla Castelao da Xunta, que recoñece o seu labor desde 2009 apoiando a máis de 130 familias afectadas por esta enfermidade.
Nesta liña, lembrou o compromiso que mantén a Xunta desde hai anos con todos os doentes e que permitiu que a comunidade galega fose pioneira no conxunto do Estado á hora de conceder unha prestación económica anual de 12.000 euros co obxectivo de afrontar os custos derivados da enfermidade. Así mesmo, sinalou que en breve publicarase unha nova convocatoria destas achegas para o ano 2025. Por último, insistiu na necesidade de que o Goberno central dote de financiamento a Lei ELA, en vigor desde novembro do ano pasado.