- O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participa no acto conmemorativo do 40 aniversario do Club de Periodistas Galegos en Madrid no que se entregan os Premios Galegos
- Este ano recoñécese á Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), ao Real Club Celta de Vigo e ao mago Luis Boyano, entre outras personalidades destacadas
- Constituído en 1984, o Club de Periodistas Galegos en Madrid ten como obxectivo principal fomentar os valores da galeguidade no ámbito da comunicación e recoñecer o labor de profesionais e entidades destacadas
No marco deste evento, Rodríguez Miranda subliña a importancia do traballo realizado polo Club de Periodistas Galegos ao longo destas catro décadas, promovendo valores de galeguidade e fortalecendo os vínculos entre Galicia e a súa diáspora.
Ademais, o secretario xeral da Emigración anima a seguir reforzando os lazos entre a comunidade galega residente en Madrid e Galicia, destacando que “a diáspora galega é unha das nosas maiores fortalezas, un tesouro que debemos coidar e potenciar para manter viva a nosa identidade colectiva”.
O acto conta coa presentación do libro conmemorativo 40 años que marcan la diferencia. Club de Periodistas Gallegos de Madrid en perspectiva, a cargo do director do xornal El Debate, Bieito Rubido. Ademais, inclúe a entrega dos Premios Galegos, que este ano recoñecen á Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), ao Real Club Celta de Vigo e ao mago Luis Boyano, entre outras personalidades destacadas.
Rodríguez Miranda entregará o galardón ao Real Club Celta de Vigo, representado polo seu conselleiro, Antón Álvarez, destacando o papel desta entidade como embaixadora deportiva de Galicia e como exemplo de conexión coas súas raíces. O seceratario xeral da emigración tamén entregará ao club de xornalistas un faro polo seu aniversario e como símbolo deses 40 anos sendo “faros de galeguidade”. Ademais, o evento concluirá cunha actuación musical a cargo de Emilio Rúa.
Sobre o Club de Periodistas Galegos en Madrid
Constituído en 1984, o Club de Periodistas Galegos en Madrid ten como obxectivo principal fomentar os valores da galeguidade no ámbito da comunicación e recoñecer o labor de profesionais e entidades destacadas. Cunha traxectoria de catro décadas, esta entidade consolidouse como un referente na promoción da cultura e identidade galega na capital de España.

