O Executivo galego financia con máis de 1,6 millóns de euros un total de 79 prazas de atención residencial e diúrna neste centro
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou o centro residencial e ocupacional para persoas con discapacidade intelectual da congregación Esclavas de la Virgen Dolorosa en Mos. Durante o encontro, coñeceu as diferentes actividades que realizan e puxo en valor os numerosos traballos creativos levados a cabo polas usuarias.
Begoña Abeijón, agradeceu o labor dos profesionais que acompañan cada día ás usuarias que forman parte dos centros desta organización. Neste sentido, sinalou que a Xunta de Galicia financia 79 prazas de atención no seu centro ocupacional e residencial de Mos, aos que destina máis de 1,6 millóns de euros, dotando á comarca dun importante servizo integral de coidados ás persoas con discapacidade.
Así mesmo, a directora xeral destacou o importante labor desta organización á hora de dar visibilidade ás necesidades das mulleres con discapacidade intelectual e impulsando a súa autonomía. Ao respecto, lembrou que a Xunta financiou con preto de 716.000 euros, a través do IRP, unha vintena de programas e iniciativas desta organización nos últimos anos.