HomeXunta de GaliciaA Xunta esixe ao Goberno Central máis certezas sobre a contaminación por...

A Xunta esixe ao Goberno Central máis certezas sobre a contaminación por nitratos antes de declarar zonas vulnerables

- Anuncio -spot_img
  • Neste momento aínda non existen evidencias suficientes de que a situación ecolóxica dos puntos analizados polo Executivo central se deba á actividade agrogandeira, que é o suposto no que serían de aplicación o real decreto sobre a protección das augas contra a contaminación difusa e a directiva comunitaria sobre a materia
  • O Goberno galego mantivo nas últimas semanas diferentes reunións con responsables municipais e representantes do sector agrogandeiro para explicarlles a súa postura e o plan de acción da Xunta diante desta situación, centrado nunha estratexia de economía circular baseada na sostibilidade e a innovación

Augas de Galicia remitiu ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico un escrito no que solicita que se realicen estudos complementarios e correccións nos que está a elaborar o Goberno central antes de declarar zonas vulnerables á contaminación por nitratos. Moi especialmente exíxese máis claridade á hora de delimitar se a orixe deses nitratos está realmente na gandería e agricultura pois o Real Decreto 47/2022 sobre a protección das augas contra a contaminación difusa por nitratos e a directiva de nitratos de orixe agraria unicamente se refiren a eses casos.

Como base para a delimitación destas zonas, o Goberno de España presentou un estudo para caracterizar as fontes de contaminación por nitratos que se elaborou con información dos períodos 2016-2019 e 2020-2023 e que non conclúe con claridade ata que punto esa situación está provocada polas actividades agrogandeiras. O que solicita Augas de Galicia é que o Goberno central, en coordinación coas comunidades autónomas, actualice este estudo, unha obriga que -de acordo co que establece ese real decreto- debe facerse cada catro anos.

Cómpre lembrar que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea emitiu o 14 de marzo de 2024 unha sentenza que absolveu a Galicia de declarar zonas vulnerables e que fixaba a obriga de acreditar que os compostos nitroxenados de orixe agrogandeira contribúen de xeito significativo á contaminación por nitratos detectada nos puntos onde se mediu.

No seu escrito, Augas de Galicia ofrece once exemplos de zonas da demarcación hidrográfica Galicia-Costa que se definían como contaminadas no estudo do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, pero nos que non existen certezas de que a orixe desta contaminación non proceda doutras fontes como poden ser os núcleos urbanos ou polígonos industriais próximos.

Rolda de contactos co sector

Deste xeito, e con argumentos científicos, a Xunta canaliza as inquedanzas expresadas polo sector agrogandeiro galego durante a rolda de contactos que se mantivo para analizar as posibles vías de mellora tanto da sostibilidade ambiental da agricultura e a gandería como da situación ecolóxica dos acuíferos.

Así, en cumprimento do establecido nesta norma estatal, cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural mantivo nas últimas semanas diferentes encontros con alcaldes e outros representantes municipais, asociacións profesionais agrarias, cooperativas, entidades sectoriais, distribución e industrias agroalimentarias para explicar o seu contido e alcance.

Nestas xuntanzas trasladouse que, por parte da Xunta, non se comparten os criterios do Goberno central, pero que, en todo caso, se traballa para dar cumprimento á lexislación vixente. Así, e no caso das posibles declaracións de zonas vulnerables, incídese en que se vai seguir permitindo usar os xurros como fertilizante cos límites contemplados na normativa e que nesas posibles zonas se porá en marcha un plan de acción para implantar unha estratexia de economía circular baseada na sostibilidade e a innovación.

Os obxectivos de futuro pasan pola implementación de prácticas máis responsables, a protección do medio ambiente e a xestión eficiente dos residuos, co fin de consolidar Galicia como referente neste eido e sen perda da competitividade. Por iso, entre outras medidas, crearase unha certificación de gandaría galega sustentable para valorizar as producións do agro, tal como establece a Lei da calidade alimentaria de Galicia.

Publicacións Relacionadas