- Ángeles Vázquez considera fundamental ter acceso a toda a documentación do procedemento de infracción aberto contra España por non traspoñer a directiva de servizos para poder facer consideracións de maneira ben fundamentada
- A conselleira ve inxustificada a urxencia repentina do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para modificar o regulamento cando aínda se pode negociar coa Comisión Europea unha solución consensuada
- Reitera a demanda de convocatoria dunha Conferencia Sectorial de Costas, na que as comunidades autónomas con competencias exclusivas en ordenación do litoral poden ofrecer saídas que garantan o equilibrio entre o cumprimento da normativa comunitaria e o respecto aos principios de seguridade xurídica e confianza lexítima
- O Executivo galego lamenta que o Ministerio pretende derrogar as prórrogas ordinarias e extraordinarias, así como a duración total das concesións, conculcando os dereitos adquiridos polos seus titulares e poñendo en risco a súa actividade
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, remitiu hoxe unha carta á vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Sara Aagesen, na que lle exixe o acceso a toda a información enviada polo Goberno central a Bruxelas no marco do procedemento de infracción aberto contra España por non traspoñer ao ordenamento xurídico español a directiva de servizos e non ter modificado a Lei de Costas estatal para adaptala a ela.
Á espera de contar con toda a documentación, a responsable autonómica pide tamén a suspensión do prazo para a presentación de alegacións ao anteproxecto de real decreto de modificación do Regulamento Xeral de Costas -que expira o vindeiro mércores 15 de abril-, co obxectivo de poder facer suxestións de maneira fundamentada, con coñecemento de todos os pasos dados e as implicacións de cada medida.
Neste sentido, a conselleira lembra que está inxustificada a urxencia repentina do Executivo central para modificar o regulamento -e non a lei, que é o que lle pedía Bruxelas- pois, mentres o procedemento de infracción estea aberto, España pode negociar e buscar unha solución consensuada coa Comisión Europea.
Por iso, e dado que hai intereses públicos e privados en xogo, reiterou a necesidade de que se convoque a Conferencia Sectorial de Costas para que as comunidades autónomas que teñen competencias exclusivas en ordenación do litoral poidan ofrecer saídas axeitadas para garantir o equilibrio entre o cumprimento da normativa comunitaria e o respecto aos principios de seguridade xurídica e confianza lexítima.
A Xunta lamenta que desde o principio a reforma do regulamento se tramitou sen diálogo nin transparencia e a única forma de conseguir información foi sempre pola vía da presión e a insistencia, polo que agarda que o Goberno central cambie de actitude e comece a actuar desde a transparencia.
Nesta liña, Ángeles Vázquez lembra na súa misiva que as comunidades unicamente tiveron acceso ao Ditame motivado de Bruxelas sobre o procedemento de infracción unha vez que se uniron na demanda de información e o solicitaron conxuntamente. Nese documento foi onde comprobaron que a intención do Ministerio é derrogar as prórrogas ordinarias e extraordinarias e a duración total das concesións, conculcando así os dereitos adquiridos polos seus titulares e poñendo en risco o futuro da súa actividade.
Procedemento irregular
O Executivo galego lembra que o Goberno central non está a cumprir co que lle exixe Bruxelas pois a Comisión Europa pide a adaptación da normativa española á directiva de servizos a través dunha modificación da Lei de Costas e, en cambio, o Ministerio opta pola vía do real decreto para evitar o debate parlamentario dado que carece de maioría suficiente para que os cambios na lei sexan aprobados polas Cortes.
Desta forma, pretende reformar a normativa introducindo cambios no regulamento, un xeito de proceder nulo de pleno dereito porque ningún regulamento pode contravir ou deixar sen efecto nin validez unha norma con rango superior como a Lei de Costas.
A Xunta lamenta que a reforma proxectada xeraría unha grave inseguridade xurídica e prexuízos irreparables desde o punto de vista socioeconómico, polo que defende a necesidade de que se implique ás comunidades nesta cuestión mediante a convocatoria desa Conferencia Sectorial de Costas.
Nesta liña, o Executivo galego vai seguir traballando na defensa dos intereses de Galicia, dos concellos, das actividades socioeconómicas e dos particulares asentados na costa fronte ao que é un novo atropelo do Goberno central co fin de eliminar, de xeito arbitrario e sen informes técnicos que o xustifiquen, toda presenza humana da franxa litoral. E coa gravidade engadida de que pon o expediente de infracción aberto por Bruxelas como pretexto para levar a cabo uns plans que veñen de anos atrás.

