— A inmensa maioría das actuacións de gran envergadura, un total de 24 cun investimento de 14,15 M€, están xa rematadas
— Neste momento están en execución tres grandes obras por case 3,7 M€ no CIFP Ánxel Casal e nos institutos Ramón Menéndez Pidal e Salvador de Madariaga e veñen de concluír por 4 M€ nos IES Rafael Dieste, Salvador de Madariaga e Otero Pedrayo
— Estanse preparando proxectos para outras 10 intervencións, cun orzamento inicial previsto de case 8,7 M€, con prioridade para IES Agra do Orzán e CEIP Sal Lence
— Cómpre que o Goberno municipal asuma as súas responsabilidades no mantemento dos centros de infantil e Primaria para que non deriven en problemas maiores
— A Consellería de Educación propón ao Concello da Coruña a sinatura dun protocolo de colaboración para coordinar as accións neste eido e axilizalas
— O envellecemento do parque de edificios públicos educativos en toda España fai evidente a necesidade de fondos estatais para atallar esta situación
A Xunta de Galicia está a investir 24 M€ nun cento de obras de modernización e rehabilitación nuns 40 centros educativos da cidade da Coruña no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Así o explicaron a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, nun almorzo informativo no que, acompañados por membros dos equipos técnicos de obras, abordaron a situación dos colexios e institutos da urbe e o investimento do Goberno galego na súa mellora.
Do total de intervención, 24 son grandes obras, a inmensa maioría xa rematadas, por importe de máis de 14 M€. De feito, están en execución tres grandes actuacións por importe de 3,7 M€. Trátase da rehabilitación integral do Centro Integrado de FP Ánxel Casal- Monte Alto (2,5 M€), do cambio de cuberta do Instituto Ramón Menéndez Pidal (725.000 €) e da cubrición da pista deportiva do IES Salvador de Madariaga (485.000 €).
Ademais, acábase de rematar recentemente outras tres obras por importe de case 4 M€, en concreto a rehabilitación do IES Rafael Dieste (1,7 M€), e as melloras sectoriais no IES Salvador de Madariaga (1,7 M€) e no IES Ramón Otero Pedrayo (530.000 €).
A maiores, estanse a preparar proxectos para outras 10 obras na cidade, cun orzamento inicial previsto de case 8,7 M€, destacaron. Como as máis prioritarias están a ampliación do IES Agra do Orzán (1,85 M€) e o cambio de cuberta do Colexio Sal Lence (241.000 €).
No que atinxe a actuacións de pequena e mediana envergadura, acometéronse tres instalacións fotovoltaicas en centros da cidade, así como 60 obras de verán nos últimos anos, grazas ás que se melloraron as instalacións dunha trintena de centros con arranxos como reformas de baños, tarefas de pintura, pequenas melloras de accesibilidade, obras de humanización ou arranxos de patios, entre moitas outras, enmarcadas no Plan Ben_Estar. Estas intervencións supuxeron un investimento de case 1,2 M€ en total.
Cooperación entre administracións
Como se explicou, a unidade técnica da Consellería fai seguimento continuo do estado de mantemento dos centros educativos, do que se transluce que a falta de mantemento e conservación de competencia municipal deriva en estragos moito máis importantes.
Por este motivo, o secretario xeral técnico reiterou a necesidade de que o Concello asuma as súas competencias neste sentido. De non facelo, o que hoxe son pequenos danos que se poden solucionar de xeito doado e rápido, dentro duns meses converteranse en problemas de maior envergadura que esixirán obras maiores e, polo tanto, un uso pouco eficiente dos cartos públicos. De feito, boa parte das intervencións que realiza a Consellería de Educación derivan dunha acumulación de falta de mantemento municipal que acaba resultando nunha necesidade de obras de gran enverdagura.
A este respecto, a delegada territorial indicou que “a preocupación máis relevante na cidade céntrase nos centros de Educación Infantil e Primaria”. “Aquí cómpre deixar algo moi claro: a competencia en materia de mantemento e conservación destes centros corresponde ao Concello”, engadiu, destacando que “así o establece a normativa vixente”.
“De feito, o propio presidente da asociación de directores de centros públicos xa trasladou en varias ocasións á opinión pública queixas reiteradas pola falta de mantemento nos centros educativos por parte do Concello”, sinalou Belén do Campo.
Neste sentido, o secretario xeral técnico explicou que sería conveniente asinar, e así se lle vai propoñer ao Goberno municipal coruñés, un acordo marco de colaboración para coordinar e axilizar as accións neste eido e a planificación derivada de futuros desenvolvementos urbanísticos.
Implicación do Goberno central
“Cada administración debe asumir as súas responsabilidades”, indicou a delegada territorial. Por iso é preciso que cada parte asuma as súas responsabilidades. “Lamentablemente, o Goberno central tampouco está a colaborar neste ámbito como consideramos necesario”, incidiu, lembrando que a Xunta leva tempo solicitando “un Plan estatal de infraestruturas educativas, tendo en conta a elevada antigüidade media dos colexios e institutos en España, así como unha rebaixa do IVE nas intervencións en centros educativos”. “Desde a Xunta imos seguir reclamando ambas cuestións –tamén aprobadas no Parlamento de Galicia–, porque consideramos que son necesarias e xustas”, rematou.



