― Agárdase vento no mar de forza 8 no noroeste da Coruña que pola tarde irá rolando cara o oeste e cara a costa luguesa
― Lémbrase a necesidade de extremar as precaucións, seguir as medidas de protección pertinentes e consultar a web axega112.gal
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de ampliar á costa da provincia de Lugo a alerta activada onte para o litoral da provincia da Coruña.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), que actualiza o boletín sobre fenómenos atmosféricos adversos emitido onte, rexistrarase vento de forza 8 no mar con ondas de ata 5 metros que esta tarde afectará ao noroeste da provincia da Coruña e que, xa pola noite, se estenderá ao oeste coruñés e tamén ao litoral da provincia de Lugo. Tamén ao longo da tarde practicamente toda a comunidade estará en alerta amarela por precipitacións acumuladas en 12 horas de 40 mm e vento de suroeste con rachas máximas de ata 80 quilómetros por hora.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal) que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.