A Xunta estreita relacións con Guinea Bissau en materia de cooperación ao desenvolvemento

adminON
Lectura mínima de 1

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, recibe ao secretario xeral do Ministerio de Administración Territorial e Poder Local de Guinea Bissau

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, vén de recibir esta semana a visita do secretario xeral de Administración Territorial e Poder Local de Guinea Bissau, Pansao Konde, que veu acompañado polo cónsul honorario de Guinea Bissau en Galicia, Julio Vázquez.

O motivo da visita débese ao interese do Ministerio de Administración Territorial e Poder Local de iniciar un proceso de municipalización do país, para o que están buscando colaboración con institucións tanto políticas como educativas que teñan experiencia nese ámbito.

Jesús Gamallo explicoulle ao secretario xeral os diferentes instrumentos cos que conta a Cooperación Galega para apoiar proxectos de cooperación para o desenvolvemento nos seus diferentes ámbitos, tendo en conta ademais que Guinea Bissau é un dos 11 países prioritarios da Cooperación Galega.

O director xeral tamén puxo en valor os proxectos que a  Xunta leva financiando en Guinea Bissau no marco dos cinco plans directores da Cooperación Galega, que na actualidade se están centrando nos ámbitos educativo e da soberanía alimentaria.

Comparte este artigo