HomeXunta de GaliciaA Xunta expón no evento Microsoft AI Tour o Software EMI como...

A Xunta expón no evento Microsoft AI Tour o Software EMI como exemplo da súa aposta pola modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia

- Anuncio -spot_img
  • O Goberno galego foi convidado pola organización a participar nesta cita na que a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, explicou que  EMi se apoia na IA para casar oferta e demanda no mercado laboral
  • Esta ferramenta está dispoñible nas 54 oficinas de emprego de Galicia é pioneira en España e en Europa e foi premiada pola Comisión Europea
  • Outra acción nesta aposta pola innovación é a colaboración do Executivo galego e Microsoft para formar en intelixencia artificial nun ano a ata 45.000 mozas e mozos menores de 35 anos, co obxectivo de mellorar as súas oportunidades profesionais

Madrid, 27 de marzo de 2025.- A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, presentou hoxe en Madrid a ferramenta de intelixencia artificial EMi no marco da xornada Microsoft AI Tour na que se dá conta de solucións innovadoras que se apoian na IA e se reúnen profesionais de tecnoloxía e especialistas de ciberseguridade, entre outros, para intercambiar experiencias sobre a transformación dixital en distintas entidades.

O Goberno galego foi convidado pola organización a participar nesta cita para expoñer como exemplo de transformación dixital o proceso de modernización que está levando a cabo no Servizo Público de Emprego de Galicia co fin de que sexa un gran nodo de empregabilidade. Neste ámbito destaca a ferramenta software EMi, dispoñible nas 54 oficinas de emprego de Galicia, pioneira en España e en Europa e premiada pola Comisión Europea.

Segundo explicou a directora xeral, EMi apóiase na IA para casar oferta e demanda no mercado laboral. Neste sentido, permite axustar en tempo real as demandas de man de obra do tecido produtivo aos perfís das persoas demandantes rexistradas polo servizo público, dando resposta así ao reto da cobertura de vacantes. Entre as súas vantaxes, Zeltia Lado salientou que tamén relaciona todas as características e competencias da persoa demandante con datos avanzados do mercado laboral e detecta sectores emerxentes de emprego e empresas que están contratando en cada unha das ocupacións.

Engadiu ademais que este software permitiu realizar o perfilado competencial a arredor de de 48.000 persoas desde setembro de 2024 e que este ano a Xunta destina 1 M€ a potencialo con novas accións como unha APP. Esta aplicación permitirá á cidadanía realizar autoperfilados para beneficiarse das recomendacións na busca de emprego e enfocada especialmente á xente nova.

Colaboración con Microsoft

En liña coa modernización do SPEG e dentro da aposta da Xunta por achegar ao público novo ás oficinas de emprego, o Goberno galego asinou con Microsoft un protocolo de colaboración para formar en intelixencia artificial nun ano a ata 45.000 mozas e mozos menores de 35 anos, co obxectivo de mellorar as súas oportunidades profesionais. Esta actuación está dirixida tanto á mocidade desempregada como a aquelas mozas e mozos que queiran mellorar as súas oportunidades laborais a través do SEPG e posiciona a Galicia como unha rexión punteira en transformación dixital.

Publicacións Relacionadas