- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinou as addendas aos convenios subscritos, que suman un investimento superior aos 1,9M€
- Con esta medida, enmarcada no compromiso coa atención á diversidade da poboación escolar, o Goberno galego cubre o 100% do gasto derivado dos traslados
- Trátase de 77 rutas que empregan arredor de 450 alumnos e alumnas para acudir a máis dunha vintena de centros
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, asinou hoxe os convenios de colaboración cos representantes de 17 entidades especializadas na atención á diversidade para facilitarlle o transporte escolar adaptado ao seu alumnado. A través destes acordos, a Xunta inviste na prestación do servizo máis de 1,9 millóns de euros ao longo do curso 2025-2026, un 3% máis que o destinado o curso que vén de rematar, no que se destinaron máis de 1,8 millóns de euros.
En concreto, asináronse addendas aos convenios subscritos coa Asociación de apoio a persoas con diversidade intelectual (Aceesca); coa Asociación de atención á parálise cerebral e afíns (Amencer); coa Asociación para a atención e integración de persoas con discapacidade intelectual, autismo, parálise-dano cerebral e as súas familias (Amicos); con ASCM Ferrolterra; coa Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral (Aspace); coa Asociación de Pais de Persoas con Trastornos do Espectro Autista da Provincia da Coruña (Aspanaes); e coa Asociación en favor das persoas con discapacidade Intelectual da provincia de Pontevedra (Aspanaex).
Formalizáronse tamén os acordos coa Asociación Pro Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (Aspronaga); coa Asociación Autismo BATA; coa Asociación Autismo Ourense; coa Asociación benéfica e social de pais e amigos A Esperanza do Val Miñor; con Hogar y Clínica San Rafael de Vigo; con I-LAB Centro Especial de Emprego; coa Asociación Nuestra Señora de Chamorro; coa Asociación San Xerome Emiliani; coa Fundación Menela e co centro Lenda Educativa Sociedade Cooperativa Galega.
Segundo sinalou Diego Calvo, o Goberno galego colabora así con entidades sen ánimo de lucro e centros especiais de emprego para posibilitar o desprazamento do alumnado con distintos tipos de discapacidade, que por esixencias de carácter académico foi escolarizado en centros privados e noutras entidades públicas, a utilización do transporte escolar de ida e volta entre os seus domicilios e os centros das entidades. Os acordos tamén permiten, de ser o caso, o traslado a centros nos que se reciban tratamentos de rehabilitación cando coincidan co horario escolar.
Compromiso coa atención á diversidade
Con esta medida enmarcada no compromiso coa atención á diversidade do alumnado galego, a Xunta garante a este sector da poboación escolar que require unha atención específica e preferente o acceso á ensinanza en igualdade de condicións que o resto de nenos e nenas en idade escolar. Trátase de 77 rutas que empregan arredor de 450 alumnos e alumnas para acudir a máis dunha vintena de centros das distintas entidades asinantes.
A través destes acordos, o Goberno galego faise cargo do 100% do gasto derivado da prestación do servizo de transporte. Pola súa banda, as asociacións comprométense a facilitar os desprazamentos cos vehículos adaptados que sexan necesarios, así como a prestar os pertinentes servizos especializados de acompañamento e atención ao alumnado trasladado. De feito, a función de acompañamento e atención do alumnado en cada desprazamento corresponde ao persoal auxiliar que as asociacións se comprometen a facilitar para o efecto, se ben nos vehículos poderán viaxar os coidadores daquelas persoas que, debido á súa discapacidade, precisen dun acompañamento individualizado, continuo e permanente.