HomeXunta de GaliciaA Xunta fai públicas as 471 aglomeracións urbanas identificadas en Galicia para...

A Xunta fai públicas as 471 aglomeracións urbanas identificadas en Galicia para garantir a xestión coordinada dos sistemas de saneamento e depuración

- Anuncio -spot_img
  • O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a resolución co acordo do Consello polo que se aproban estas aglomeracións e se dispón a súa publicación no correspondente rexistro, unha ferramenta creada pola Lei de mellora do ciclo integral da auga
  • Con esta delimitación territorial poderanse satisfacer as obrigas de planificación e control comunitarios e identificar claramente aos responsables do seu cumprimento
  • A nova directiva da UE sobre tratamento de augas residuais urbanas obriga ás aglomeracións de máis de 1.000 habitantes a ter sistemas de depuración e fixa diferentes niveis de depuración en función do tamaño e da zona de vertido

A Xunta acaba de facer públicas as 471 aglomeración urbanas identificadas en toda Galicia (177 na Coruña, 100 en Pontevedra, 70 en Lugo e 124 en Ourense) que garantirán a xestión coordinada dos sistemas de saneamento e depuración de augas residuais no conxunto da Comunidade e que ademais, permitirán cumprir as novas exixencias ambientais da UE neste eido.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se dá publicidade ao acordo do Consello da Xunta do 3 de novembro polo que quedou aprobada esta nova delimitación, proposta polo organismo hidráulico Augas de Galicia e recollida tamén no correspondente Rexistro de aglomeracións urbanas, convertendo a Galicia na primeira comunidade en contar cunha ferramenta de planificación e ordenación deste tipo.

Cómpre lembrar que a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga de 2022 establece que a administración hidráulica galega debe fixar as aglomeracións urbanas nas que se estrutura o territorio para abordar a xestión dos sistemas de saneamento e depuración de augas dun modo coordinado e eficiente e inscribilas nun rexistro que delimite oficialmente estas zonas e recolla os núcleos, as infraestruturas existentes e as administracións titulares da xestión dos servizos en cada unha delas.

Unha aglomeración urbana é unha zona xeográfica na que o conxunto de núcleos de poboación e de zonas industriais que, pola súa propia concentración e actividade, xeran unha cantidade de augas residuais que deben ser recollidas e tratadas conxuntamente.

Cada aglomeración conta cun ente público representativo —normalmente o concello ao que pertence ou unha agrupación de concellos— responsable de garantir o bo funcionamento dos sistemas de saneamento e depuración.

Neste sentido, a súa delimitación resulta fundamental para mellorar a planificación das infraestruturas hidráulicas e optimizar os investimentos, facilita a coordinación e a cooperación entre concellos con necesidades ou sistemas de saneamento compartidos e garante unha maior transparencia e eficiencia na xestión pública xa que o Rexistro de aglomeracións urbanas é público e accesible en liña.

A transcendencia do traballo realizado por Augas de Galicia, en todo caso, vai máis alá xa que esta división territorial desde o punto de vista do saneamento e da depuración é imprescindible para poder cumprir coas obrigas de planificación e control que fixa a UE a través da nova Directiva sobre tratamento de augas residuais urbanas, e para deixar claro cales son as administracións responsables do seu cumprimento.

De feito, a referida normativa comunitaria obriga a que todas as aglomeracións de máis de 1.000 habitantes equivalentes (é dicir, a suma da poboación real máis a estacional e as necesidades ligadas á actividade industrial e empresarial) conten con sistemas propios de recollida e tratamento de augas residuais. Ademais, establece tamén niveis de depuración adaptados ao tamaño da aglomeración e ao tipo de zona de vertido das súas augas, que pode ser sensible, costeira ou interior.

Ademais, o Rexistro de aglomeracións urbanas de Galicia ofrecerá unha base técnica de referencia para a programación de actuacións a medio prazo no próximo Plan xeral galego de saneamento (PXGS) 2027-2033, unha planificación que a Xunta centrará nos principios de sostibilidade, eficiencia enerxética e recuperación dos recursos.

Os concellos e a cidadanía en xeral serán os principais beneficiarios da aprobación das novas aglomeracións urbanas de Galicia. Neste sentido, cómpre subliñar que grazas a esta delimitación territorial e poboacional se poderán planificar mellor os investimentos en materia de saneamento e depuración, evitaranse posibles sancións relacionadas coas obrigas ambientais comunitarias e, ademais, terase acceso a fondos europeos para cofinanciar a execución de infraestruturas hidráulicas clave para a protección do medio ambiente e a saúde pública ao garantir augas limpas en ríos, rías e zonas de baño.

Publicacións Relacionadas